Nova: A biblioteca Ánxel Casal prestou o ano pasado preto de 155.000 libros

20/06/2017

A biblioteca Ánxel Casal prestou o ano pasado preto de 155.000 libros

 Máis de 9.600 persoas participaron nas súas actividades 

  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal
  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal, onde foi recibido pola súa directora, Susana Sotelo. Situada nun edificio de nova construción, inaugurado en marzo do 2008, e cunha superficie de 5.800 m2, na actualidade conta con 189.420 títulos na súa colección, a maioría en libre acceso, e un total de 418 postos de lectura. No pasado ano a biblioteca realizou 156.806 prestamos, unha media mensual de 13.067 préstamos, cada día 543, cada hora 52.

A Biblioteca Pública de Santiago de Compostela naceu por unha Orde ministerial do 16 de xuño de 1955 pola que se aceptaba a concesión gratuíta, por parte da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago de Compostela do uso da planta baixa dos números 4 e 5 da praza de Salvador Parga, para instalar unha biblioteca pública. Aquela biblioteca iniciouse co material da Sección Popular da Biblioteca Universitaria, constituído polos fondos da Biblioteca da Real Sociedade Económica de Amigos do País, ademais dos seus propios.

As escasas posibilidades de expansión do edificio da biblioteca obrigaron ao seu traslado cara a unha nova sede, acordado en xullo de 1995 coa firma dun convenio entre a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura do Estado. En abril do 2001 convocouse un concurso para o proxecto de biblioteca, nun solar de 4.104 metros cadrados doado polo Concello. O proxecto gañador, obra dos arquitectos Andrés Perea Ortega e Roberto Medín, e cun orzamento de 9,4 millóns de euros, terminouse de construír en 2008, inaugurándose o 28 de marzo de 2008 cunha inxección de fondos da Xunta de Galicia para a mellora do equipamento, así como para a compra de 100.000 novos volumes. Desde a súa inauguración, a biblioteca non cesou de aumentar os seus fondos, usuarios e servizos.
Cunha media diaria de preto de mil visitantes -963 en concreto-, a biblioteca pública Ánxel Casal acolleu en 2016 492 actividades, 436 delas organizadas polo propio centro, e 56 exposicións e mostras. En total, nestas actividades tomaron parte 9.629 persoas, das que máis de 3.200 foron nenos. Ao peche do pasado exercicio, a biblioteca contaba cun censo de 37.597 socios, o que supón que dous de cada cinco composteláns (o 39 por cento da poboación) figuran no rexistro

Neste mes de xuño estanse a realizar os cursos de informática, a cargo de voluntarios de Voluntariado Dixital; a mostra bibliográfica 100 anos da Revolución rusa (8 de marzo-8 de novembro 1917; Os sábados, choiva de contos; e Os xoves, cóntame un conto.

A directora da biblioteca explicoulle ao delegado que na actualidade o centro conta con oito técnicos bibliotecarios, 20 auxiliares de biblioteca, tres ordenanzas, catro bolseiros e 13 voluntarios colaboradores. O delegado territorial trasladoulle a súa felicitación para que a fixera extensible a todos os traballadores. “É unha biblioteca impresionante por fora, pero máis se cabe por dentro. As cifras son abraiantes e a vosa labor merece cando menos o recoñecemento de todos, e por descontado, da Xunta de Galicia”, sinalou Ovidio Rodeiro.

Rodeiro, que percorreu as dependencias do edificio, interesouse polo perfil dos usuarios e polas necesidades da biblioteca, referiuse a iniciativas como GaliciaLe, a plataforma de préstamo do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas, “un programa que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato”. Ademais, o delegado lembrou que “o pasado ano comezou a integración de todas as bibliotecas na rede galega nun sistema de xestión único: o Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, que permite a creación dun catálogo colectivo de todas as bibliotecas e unha xestión integrada dos seus recursos”.
 

Comparte