Nova: As Feiras do Libro de Galicia chegan a Monforte

18/08/2014

As Feiras do Libro de Galicia chegan a Monforte

O municipio lucense acolle ata o 23 de agosto unha nova cita cos libros e a lectura

  • Cartel de Feiras do Libro de Galicia Cartel de Feiras do Libro de Galicia
  • A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou na tarde de hoxe na inauguración da Feira do Libro de Ribadeo A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou na tarde de hoxe na inauguración da Feira do Libro de Ribadeo

Monforte, 18 de agosto de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou na tarde de hoxe na inauguración da Feira do Libro de Monforte, onde salientou “o papel de referencia destas citas no impulso á comercialización e promoción de obras e autores galegos”. Este certame non é só unha cita coa lectura, tamén coa gastronomía e a lectura: con obradoiros de lambetadas, recitais de poesía, música e actividades variadas.

Raquel Arias aproveitou para referirse aos datos de publicacións en galego, que ao longo dos últimos anos foron evolucionando e que na actualidade revelan que máis do 42% da actividade editorial en Galicia se publica en lingua galega.

Deste modo, a delegada valorou positivamente a implicación da Consellería de Cultura para o desenvolvemento destas citas, para as que “se ten demostrado que é un acerto a aposta realizada pola consellería para incrementar en máis dun 11 por cento o orzamento para as feiras do libro en Galicia durante este ano 2014, potenciando a súa presencia no caso das citas no exterior”.

A feira monfortina, que alcanza este ano a súa 17ª edición, estenderase dende o día 20 ata o día 23 de agosto, ocupando o espazo emblemático da Rúa Cardeal coa presenza de nove expositores.

Coa cita monfortina son cinco as feiras deste tipo que se desenvolven durante este ano na provincia de Lugo, na que, como destacou Arias, se levan a cabo case a metade da ducia de eventos deste ámbito dentro da comunidade: Lugo, Ribadeo e Viveiro, xa celebradas, e Monforte e Foz, que se levarán a cabo este mes.

A representante do Executivo galego na provincia animou tamén aos estudantes e centros de ensino a participar nestas citas, “un público cuxa presenza tamén nos propuxemos este ano reforzar”. Así mesmo, valorou o impulso que se lle está a dar no presente ano á vinculación das agrupacións culturais, colectivos veciñais, ou escolas de música, entre outras, de cada unha das zonas nas que se celebren as feiras.

“Desta forma, como sucede en Monforte, pódense organizar en colaboración con eles unha oferta de actividades de teatro, música, e incluso demostracións profesionais ou tradicionais. Unha nova aposta da Consellería de Cultura e Educación polos artistas de base e polas compañías galegas, contribuíndo a impulsar o sector editorial, así como tamén outros sectores, favorecendo a súa visibilidade e xerando emprego”, indicou Arias .

No caso de Monforte, leváranse a cabo, por exemplo: un obradoiro de elaboración de lambetadas naturais a cargo de Carmen Freire, o xoves 21 ás 12.00 horas; un espectáculo de maxia a cargo do Mago Toño, o o venres 22 ás 12.00 horas; e un recital de poesía aproveitando a presentación dos libros Fugaz Coincidencia e do poemario Nair, o sábado 23 a partir das 19.00 horas. Así mesmo, o venres, a partir das sete do serán, levarase a cabo a presentación da guía do camiño de inverno a Santiago.

Na presentación da feira, ademais da delegada territorial, estiveron presentes tamén Pilar López, tenente de alcalde de Monforte e concelleira de Cultura do concello; e Nani Regueira, coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia.

Comparte