Nova: Martes de carnaval do CDG chega a Pontevedra na recta final da súa xira

09/06/2017
Martes de carnaval do CDG chega a Pontevedra na recta final da súa xira
O Auditorio Afundación ofrece o vindeiro xoves 15 o espectáculo co que a compañía pública leva a escena, por vez primeira en galego, os esperpentos de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’
A creadora pontevedresa Marta Pazos dirixe ambas as pezas que, con estéticas e ambientacións diferentes, dan conta da vixencia e da valentía da obra do gran autor arousán
Pontevedra, 9 de xuño 2017.- A primeira versión en galego de Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, chega o vindeiro xoves 15 a Pontevedra da man do Centro Dramático Galego (CDG). O Auditorio Afundación será o escenario da representación, programada para as 20,30 horas, coa que a compañía pública entra na recta final da xira desta produción, integrada polos esperpentos As galas do defunto e A filla do capitán.
A creadora pontevedresa Marta Pazos encargouse da dirección artística de ambas as pezas que, a partir de estéticas e ambientacións diferentes, dan conta da vixencia e da valentía da obra do gran autor arousán. Así o explicou hoxe na presentación da función que o CDG ofrecerá en Pontevedra, onde estivo acompañada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e pola directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores.
Na súa intervención, o director da Agadic agradeceu a colaboración de Afundación para achegarlle as propostas teatrais do Centro Dramático Galego tanto ao público de Pontevedra como ao de Vigo, onde Martes de Carnaval poderá verse tamén o 22 de xuño. Respecto a este espectáculo, referiuse a Marta Pazos e a Fefa Noia, directora do CDG, como as “verdadeiras artífices” do proxecto: “Moito se está a falar, sobre todo nos últimos tempos, da necesidade de incorporar máis mulleres nos distintos postos e oficios relacionados co teatro”, asegurou, ao tempo que quixo deixar patente que esta produción non sería posible sen a valente aposta que por ela fixeron ambas as directoras.
Valle no repertorio teatral en galego
Ademais de sinalar a relevancia da incorporación de Valle-Inclán ao repertorio teatral en galego, unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra, tamén fixo fincapé no moi esixente traballo interpretativo e físico que realiza neste espectáculo o elenco integrado por Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta. Estes 10 actores e actrices danlle vida aos máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán, nunha montaxe frenética tanto en escena como entre bambolinas.
O primeiro destes esperpentos, As galas do defunto, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada a “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.
A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo con esta icona da literatura universal. Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).
Venda de entradas
As entradas para a función do xoves 15 en Pontevedra poden adquirise por adiantado a través desta web, do teléfono 902 504 500 e dos despachos de billetes das sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña, así como na Central de Espectáculos de Vigo. No Auditorio Afundación de Pontevedra, estarán á venda desde unha hora antes do comezo da representación.
Dentro do seu percorrido por oito escenarios, Martes de Carnaval poderá verse esta mesma noite en Rianxo e o domingo 11 no Festival Tercera Setmana de Valencia. A xira rematará cun pase o día 22 no Teatro Afundación de Vigo, tras o que regresará ao Salón Teatro de Santiago –o espazo onde se estreou o 20 de abril– para unha última quenda de exhibición do 28 de xuño ao 16 de xullo.