Nova: Cultura sitúa o sector do libro como un eixo prioritario da política cultural autonómica

18/05/2017
Cultura sitúa o sector do libro como un eixo prioritario da política cultural autonómica
O secretario xeral incidiu no Parlamento na importancia de trazar os mecanismos necesarios para avanzar na persuasión arredor da lectura
Cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros, as actuacións do departamento en 2017 para impulsar o sector tamén se centran na dinamización do comercio e no apoio á produción editorial
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, recordou en sede parlamentaria que o sector editorial constitúe un eixo central das liñas de actuación da política cultural que está a desenvolver o Goberno galego, cuxos obxectivos se centran en impulsar a industria, en reforzar a difusión do libro galego e en desenvolver o hábito lector, nomeadamente entre as idades máis novas.
Durante a súa intervención na Cámara galega para responder unha pregunta formulada polo grupo do Bloque Nacionalista Galego, Anxo Lorenzo afirmou que as medidas levadas a cabo polo seu departamento –de acordo coa Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia– están a incidir nomeadamente no apoio ao sector a través de diversas convocatorias de subvencións, na dinamización do comercio interior do libro e tamén na proxección exterior do sector, a través da participación nas principais citas internacionais.
Diálogo cos principais axentes do sector
Fixo tamén fincapé no diálogo permanente da Xunta de Galicia coas principais entidades que representan os diferentes axentes do ecosistema editorial, así como no apoio ás principais iniciativas que están a levar a cabo, como a Gala do Libro Galego, organizada pola Asociación Galega de Editoras, pola Federación de Librarías de Galicia e pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, e que celebra esta fin de semana a súa segunda edición co apoio da Consellería de Cultura e Educación.
As iniciativas encamiñadas a ofrecer á cidadanía uns servizos bibliotecarios adaptados ás necesidades actuais foron outros dos aspectos aos que fixo mención, cunha referencia explícita ao préstamo do libro electrónico mediante a plataforma GaliciaLe, e á posta en marcha do novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, que permite a creación dun carné único para os usuarios e dun catálogo colectivo, ademais de axilizar e facilitar o labor do persoal bibliotecario.
Investimento en 2017
Para impulsar o libro e a lectura, a Secretaría Xeral de Cultura destinará este ano máis de 1,7 millóns de euros. Deles, 750.000 euros investiranse nas liñas de axudas á adquisición de novidades editoriais en galego, á tradución de obras e á mellora das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, cifra que, segundo lembrou, supón un aumento de orzamento do 13,6% en relación ás anteriores convocatorias.
Ademais do seu valor estratéxico como mercado, “o sector editorial e literario é fundamental polo seu protagonismo no desenvolvemento do libro e da lectura, no que temos aínda moito camiño por avanzar”, afirmou. Neste ámbito, segundo dixo, preséntase como un obxectivo prioritario do Goberno galego trazar os mecanismos necesarios para avanzar na capacitación e persuasión arredor da lectura.
A este respecto, o secretario xeral salientou que a planificación das medidas para avanzar nesta dirección vai ocupar un lugar central da Estratexia da Cultura de Galicia 2021, co fin de guiar as políticas que se deben impulsar a prol do libro galego e da lectura. Nesa planificación da acción cultural de Galicia dos vindeiros anos, no que se refire á fixación de obxectivos e prioridades arredor do libro, a Xunta de Galicia contará co Consello Asesor do Libro, organismo dedicado ao estudo e ao asesoramento da Administración autonómica no referente ás políticas relacionadas co contido da Lei do libro de Galicia e que está integrado polos sectores máis significativos relacionados co mundo do libro: escritores, libreiros, ilustradores, editores, distribuidores etc.
“O asesoramento deste órgano –concluíu– debe supor unha contribución valiosa para trazarmos unha folla de ruta realista para o horizonte de 2021 que nos permita reforzar a industria editorial de Galicia, impulsar a difusión do libro galego e dinamizar o hábito lector entre a cidadanía”.