Nova: O ciclo Nexos do Gaiás homenaxea o legado arquitectónico da Escola do Porto

13/05/2017
O ciclo Nexos do Gaiás homenaxea o legado arquitectónico da Escola do Porto
O arquitecto Pedro Bandeira enxalzou algúns dos postulados desta corrente, baseada na importancia do deseño, o gusto pola forma simple ou a concepción da arquitectura como arte figurativa
A sesión rematou co espectáculo de luz e son ‘A muda’ a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio e Pablo Seoane e un petisco cortesía de Pan do Mar e Martín Códax
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria rendeulle esta mañá unha homenaxe á Escola de Porto nunha nova sesión de Nexos, o ciclo de cultura contemporánea da Cidade da Cultura. Da man do Doutor en Arquitectura e profesor asociado da Escola de Arquitectura da Universidade do Miño, Pedro Bandeira, o Gaiás puxo en valor o legado dunha escola de arquitectura que asombraría ao mundo.
Nada na década dos 40 da man de Fernando Távora, a Escola do Porto tivo un dos seus momentos culminantes co SAAL (1974-76), un proxecto de vivendas sociais no que participaron arquitectos, artistas e movementos veciñais. Nese sentido Pedro Bandeira destacou durante o seu relatorio as catro claves nas que esta escola de arquitectura sustentou as súas ensinanzas: a atención e respecto ao contexto preexistente, a importancia do deseño, o gusto pola forma simple e depurada ou a concepción da arquitectura como arte figurativa.
Do mesmo xeito, durante a sesión houbo tempo para destacar algunhas individualidades que definiron a Escola e que lle deron lustre internacional: en 1992 Álvaro Siza Vieira e en 2011 Eduardo Souto de Moura obtiveron o premio Pritzker, o máximo recoñecemento mundial desta disciplina. A sesión tamén tiña previsto contar con Alexandre Alves Costa, arquitecto e Catedrático Emérito da Universidade do Porto, mais problemas de saúde de última hora non permitiron a súa presenza neste Nexos.
Tras o relatorio, o público presente no auditorio Xosé Neira Vilas puido gozar do espectáculo de luz o e son ‘A Muda’, creado especificamente para Nexos polo director de escena Carlos Álvarez-Ossorio e o músico Pablo Seoane. Unha peza para música, espazo e luz, creada a partir da casa imposible de Álvaro Siza.
Como en todas as sesións de Nexos, a xornada finalizou cun petisco cortesía de Pan do mar, de Conservas Pérez Lafuente, e un viño servido por Bodegas Martín Códax.
Paralelamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu unha sesión infantil para nenos de 5 a 12 anos. Nela, os rapaces achegáronse a través de diferentes xogos á utilidade da arquitectura ao tempo que realizaron as súas propias creacións en maquetas de cartón e plastilina.