Nova: A Xunta compromete a declaración BIC da Ribeira Sacra como paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade

08/05/2017

A Xunta compromete a declaración BIC da Ribeira Sacra como paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade

A Ribeira Sacra contará coas máximas garantías de protección desde o comezo dos trámites e avanza que este ano a Xunta remitirá á Unesco a documentación necesaria para iniciar a súa andaina cara a formar parte do Patrimonio da Humanidade

Galicia ten máis bens recoñecidos como Patrimonio da Humanidade que 21 países europeos

No tocante ao mosteiro de San Pedro de Rocas, a Xunta iniciará o traballo para protexer a sala que alberga as valiosas pinturas murais e tamén racionalizará as visitas ao monumento

Esgos (Ourense), 8 de maio de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou para o inicio deste verán os trámites para declarar a Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural (BIC), como paso previo para convertela en Patrimonio da Humanidade.

Durante unha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, Feijóo explicou que a Ribeira Sacra contará coas máximas garantías de protección desde o comezo dos trámites do proceso. E trasladou a confianza na responsabilidade e no compromiso de todas as administracións implicadas para acadar o éxito neste obxectivo. Non en van, toda a Ribeira Sacra abarca 21 concellos pertencentes a dúas provincias, máis de 36.000 ha de terreo e máis de 200.000 parcelas

Así mesmo, afirmou que este ano a Xunta remitira á Unesco a documentación necesaria para que a Ribeira Sacra inicie a súa andaina cara a formar parte do Patrimonio da Humanidade, subliñando que esta declaración suporá unha importante revitalización económica e social para a zona.

O responsable do Executivo autonómico lembrou que, na actualidade, Galicia ten máis bens recoñecidos como Patrimonio da Humanidade que 21 países europeos. Conta coa Muralla de Lugo, patrimonio desde 2000, coa Torre de Hércules, desde 2009, e os camiños do norte, que gañaron o título en 2015. Estes patrimonios da humanidade sumáronse aos dous que xa tiña a Comunidade: o Camiño Francés e o centro histórico de Santiago de Compostela.

No tocante ao mosteiro de San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de Galicia, Feijóo asegurou que, logo da intervención realizada o pasado ano no conxunto mural, a Xunta iniciará o traballo para protexer a sala que alberga as valiosas pinturas murais e tamén racionalizará as visitas ao monumento.

Comparte