Nova: Ultímanse os preparativos da Gala dos Premios Martín Códax da Música 2017

27/04/2017

Ultímanse os preparativos da Gala dos Premios Martín Códax da Música 2017

Pazo da Cultura reunirá o 3 de maio unha ampla representación da música galega nun evento que, por segundo ano consecutivo, conducirá a compañía A Panadaría e que reivindicará o papel das mulleres neste sector​

A asociación Músicos ao Vivo presentou un avance da cerimonia de entrega da cuarta edición dos galardóns, para a que volve contar coa colaboración económica da Agadic

Pontevedra, 27 de abril de 2017.- Os proxectos gañadores dos Premios Martín Códax da Música 2017 daranse a coñecer o vindeiro mércores 3 de maio no transcurso da gala de entrega que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección artística da compañía escénica A Panadaría. A asociación Músicos ao Vivo volve contar co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a organización e difusión destes galardóns, aos que este ano optan 57 finalistas.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste evento, na que tamén interviñeron Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; María Garrido, directora de Márketing de Bodegas Martín Códax; Iria Pinheiro, presidenta de Músicos ao Vivo; e Areta Bolado, de A Panadaría.

Sutil subliñou que a Xunta vén colaborando cos galardóns desde o seu nacemento en 2013, ademais de apoiar a actividade da asociación, coa que comparte o obxectivo de dotar dunha maior proxección pública a música galega e os seus intérpretes.

“Todos os premios actúan sempre como incentivos para o estímulo e para a mellora en calquera exercicio artístico”, asegurou o director da Agadic, ao tempo que sinalou que coas accións de difusión dos Martín Códax, esta chamada de atención cara á nosa música mantense viva durante todo o ano. Segundo explicou, a promoción da música en directo é tamén un dos eixos do traballo da Administración autonómica neste ámbito, a través de iniciativas como a Rede Galega de Música ao Vivo, que en 2016 experimentou un incremento do 16% en número de espectadores respecto ao ano anterior, ou a plataforma dixital GalicianTunes, que difunde a actividade das 391 formacións artísticas e 56 empresas musicais rexistradas ata o momento.

Protagonismo feminino

Durante a presentación, ofreceuse un avance da gala desta cuarta edición, na que A Panadería reivindicará o papel das mulleres no sector musical. Así, ademais das intervencións das actrices da devandita compañía, unha banda integramente feminina acompañará sobre o escenario as actuacións doutras compañeiras músicas, premiadas o ano pasado neste mesmo certame.

Tamén se fixo pública hoxe a composición do xurado que escolleu os proxectos gañadores en cada categoría a concurso (16 musicais e tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación). A incorporación deste tribunal profesional, que elixiu os premiados entre as 57 candidaturas máis votadas nunha primeira fase polos socios de Músicos ao Vivo, é unha das principais novidades deste ano. Nesta ocasión, estivo integrado polos músicos Abe Rábade, Natashia Zürcher e Benxamín Otero, a xornalista Teresa Cuíñas, o produtor Xulio Cordeiro, o investigador Zósimo López e Noemí Vázquez como representante das salas de concertos.

Comparte