Nova: A Memoria Dixital de Galicia preséntase no pleno do Consello de Cooperación Bibliotecaria

24/04/2017
A Memoria Dixital de Galicia preséntase no pleno do Consello de Cooperación Bibliotecaria
Representantes das comunidades autónomas e do Ministerio de Educación e Cultura reúnense en Lanzarote para avanzar na cooperación bibliotecaria, na mellora dos servizos e no desenvolvemento de plans específicos nesta materia
Lanzarote, 24 de abril de 2017.- A Xunta de Galicia participa na nova sesión do Pleno do Consello de Cooperación Bibliotecaria, onde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentará a Memoria Dixital de Galicia. A sesión, que deu comezo esta tarde no Cabildo de Lanzarote, reunirá ata mañá martes representantes das comunidades autónomas e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte con competencia nesta materia.
Nesta nova sesión do pleno, o secretario xeral de Cultura expoñerá a Memoria Dixital de Galicia, un proxecto para a posta en marcha dun novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego, acorde coas características da sociedade actual, para garantir a súa preservación, difusión e accesibilidade desde calquera lugar do mundo. A iniciativa, que se levará a cabo a medio e longo prazo, ten en marcha na actualidade a plataforma Galiciana, que alberga a Biblioteca Dixital de Galicia e, desde o pasado mes de outubro, o Arquivo Dixital Patrimonial.
Xunto con Galicia, outras tres comunidades presentarán os seus proxectos: Canarias (“Realidades e retos para unha Lei de bibliotecas”), Castela A Mancha, (“Lendas que conectan xente nova e territorios”) e Aragón (“Plan local de lectura”).
Na orde do día destaca o II Plan Estratéxico 2016-2018, que inclúe entre os seus obxectivos a promoción e o fomento das bibliotecas na sociedade, a partir da oferta duns servizos de calidade, así como a aposta por un modelo de bibliotecas inclusivas e accesibles, que favoreza, así mesmo, a formación de usuarios e usuarias de xeito coordinado. A mellora dos servizos bibliotecarios a través do medio dixital, a interconexión de catálogos e o acceso en liña ao patrimonio bibliográfico son outros dos aspectos que se abordarán.
Novos proxectos para avanzar no ámbito das bibliotecas
A sesión tamén acollerá a presentación dos resultados dos proxectos de 2016, ademais da exposición das propostas e actividades para este ano, entre as que se inclúen IFLA IAP (International Advocacy Program), o Programa Internacional de Promoción para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, a través de las bibliotecas; a información sobre a remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados nas bibliotecas, a presentación de proposta do proxecto Proxección Internacional, así como aa información sobre axudas á creación de recursos dixitais 2017 e os convenios para a realización do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico.
O Consello de Cooperación Bibliotecaria
O Consello de Cooperación Bibliotecaria é un órgano do Ministerio encargado de xestionar a cooperación bibliotecaria entre as administracións públicas, co fin de favorecer a integración dos sistemas bibliotecarios de titularidade pública no Sistema Español de Bibliotecas, de mellorar os servizos bibliotecarios, de impulsar o intercambio e a formación profesional neste ámbito, así como o desenvolvemento de diversos proxectos centrados nesta materia.