Nova: O CGAI retoma con Cavalo Dinheiro a súa programación no cineclub Lumière de Vigo

17/04/2017
O CGAI retoma con Cavalo Dinheiro a súa programación no cineclub Lumière de Vigo
As proxeccións de 2017 comezan coa proxección do filme do luso Pedro Costa, gañador do premio ao mellor director por esta fita no festival de Locarno
As sesións terán lugar cada xoves ata fin de ano, no Auditorio Municipal do Concello, ás 20:30 horas
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2017.- O Cineclub Lumière de Vigo retoma esta semana a programación regular que desenvolve en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia). A nova temporada inaugúrase este xoves 20 de abril con Cavalo Dinheiro, do luso Pedro Costa, e continuará ata finais de 2017 con sesións os xoves, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello.
A selección de filmes faise entre os responsables do cineclub e a filmoteca, e componse sempre de títulos pasados por esta última recentemente, representativos da súa liña editorial. Así, boa parte da programación estará composta por importantes estreas de autor que non pasaron pola cidade nos circuítos comerciais. É o caso de Cavalo Dinheiro, na que o portugués Pedro Costa, tótem da cinefilia contemporánea, volve presentar un retrato do colectivo caboverdiano en Lisboa mediante unha aproximación de vangarda moi persoal. Esta obra valeulle, entre outros, o premio ao mellor director no prestixioso festival de Locarno.
Defensa do cine galego
Outro dos elementos definitorios da selección é a defensa do cine galego. Por iso, a seguinte sesión, o 27 de abril, estará protagonizada por Fon Cortizo, quen visitará o cineclub para presentar Contrafaces. A película, sobre poetas estranxeiros que decidiron escribir en galego e outros do país que se pasan a outras linguas, como Elías Portela, está filmada primordialmente na cidade olívica. Os vigueses recoñecerán moitas das localizacións, gravadas dun xeito poético e belo por Cortizo.
En citas posteriores, o público poderá coñecer tamén as obras do Novo Cinema Galego que están marcando tendencia en festivais internacionais. O 25 de maio pásase unha sesión dobre con No Cow on the Ice, de Eloy Domínguez Serén; e Tout le monde aime le bord de la mer, de Keina Espiñeira.
A colaboración co festival Play-Doc levará a Vigo, a través da filmoteca galega, dúas das películas da retrospectiva de Dominic Gagnon, organizada este ano polo certame tudense. O canadense caracterízase por crear películas a partir de fragmentos de YouTube, realizando retratos dunha sociedade norteamericana desquiciada, xermolo da era Trump. O 4 de maio proxectarase Hoax_canular e o 18 de maio Of the North.
Poñen fin á programación antes da pausa do verán dous títulos do cine español recente máis audaz. O 7 de xuño proxéctase Días color naranja, de Pablo Llorca. Pecha o programa o 27 de xuño Esa sensación, dirixida a seis mans por Juan Cavestany, Julián Genisson e Pablo Hernando.
O prezo xeral das entradas das películas que integran esta programación é de 2 euros, agás os pases de cine galego, que son de acceso gratuíto.