Nova: A galiña azul despide a súa xira no programa FalaRedes

11/04/2017

A galiña azul despide a súa xira no programa FalaRedes

Logo de percorrer 21 localidades para renderlle tributo a Carlos Casares no ano no que se lle dedican as Letras Galegas desde os concellos da Rede de Dinamización Lingüística poderase gozar a derradeira función mañá ás 18:00 horas no Auditorio Municipal cangués

Pablo Díaz levará o seu 'Tic Tac Toc' a Palas de Rei e a Celanova esta fin de semana
 

Lalín (Pontevedra), 11 de abril de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á tarde no concello pontevedrés de Lalín á actividade de dinamización lingüística 'A galiña azul', que despide estes días o seu paso polo programa 'FalaRedes' en 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. García Gómez estivo acompañado polo rexedor municipal, Rafael Cuíña, polo director xeral da Editorial Galaxia, empresa xestora, Francisco Castro; e mais polo presidente da Fundación Carlos Casares, Xabier Casares.
Coa proposta, a Consellería de Cultura, da man de Galaxia e de Ubú Teatro, quixo renderlle tributo ao autor ourensán ao que se lle dedican as Letras Galegas 2017 e facer partícipe desta celebración a RDL. A actividade, destinada a público familiar con cativada dos 6 aos 10 anos, levará a súa última función mañá a Cangas, en cuxo Auditorio Municipal se poderá gozar ás 18:00 horas con entrada libre e de balde ata completar a capacidade desta sala.

'A galiña azul'

A adaptación teatral do libro ‘A galiña azul’, inspirada obra homónima que Casares, publicou por vez primeira en 1968, recupera unha peza de referencia na historia da literatura infantil galega. Contén cinco historias entrelazadas que transmiten valores tan importantes como o respecto pola diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. Para iso, a compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown. Cada familia asistente recibe, ao final da actividade, un exemplar do libro ‘A galiña azul’, nunha edición especial para a RDL.

Esta proposta do ‘FalaRedes’ chegou durante a primavera, en exclusiva, aos concellos de Valga, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Ferrol, Melide, Foz, Mondoñedo, O Barco de Valdeorras, Carral, Oleiros, Monforte de Lemos, Teo, Xinzo de Limia, Monterroso, Redondela, Ames, Ribadavia, Ourense, Baiona, Lalín e Cangas, todos eles pertencentes á RDL.
Pablo Díaz leva 'Tic Tac Toc' a Palas de Rei e a Celanova
O 'FalaRedes' despide 'A galiña azul' pero continúa a levar o novo proxecto do músico coruñés Pablo Díaz pola RDL. ‘Tic, Tac, Toc’ darase cita esta fin de semana coa xente miúda: o sábado, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Palas de Rei; o domingo, ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal de Celanova.
‘Tic, Tac, Toc’ é unha actividade especialmente pensada para familias con nenos e nenas de ata sete anos que busca a transmisión afectiva da lingua a través da lingua. O artista, un dos referentes da música infantil galega, acompáñase nesta ocasión dunha banda que integran á guitarra Diego Barral e ao acordeón Álex Fente. Todos os concertos da xira que os levarán por 19 concellos da RDL son de entrada libre e de balde.

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores convocatorias de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no 'FalaRedes', a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Comparte