Nova: Internacionalización, cultura dixital e Lei do patrimonio, fitos claves dos departamentos de Cultura durante 2016
05/04/2017
Internacionalización, cultura dixital e Lei do patrimonio, fitos claves dos departamentos de Cultura durante 2016
O equipo de Cultura presenta a ‘Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2016’ como unha ferramenta para avanzar na transparencia e na análise do traballo realizado no eido cultural autonómico
A publicación, que se estrutura en 11 capítulos e 2 anexos, recolle as principais liñas de actividade desenvoltas
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017.- Román Rodríguez destacou na presentación da Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2016 que durante o pasado ano Galicia avanzou na internacionalización da nosa cultura e patrimonio, con fitos como a Feira do Libro de Bos Aires ou o Womex16; no ámbito da integración das novas tecnoloxías nos arquivos e bibliotecas de Galicia e na renovación do noso marco legal no eido do patrimonio cultural. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subliñou a utilidade desta publicación como ferramenta para avanzar na transparencia e na análise do traballo realizado no eido cultural.
No acto informativo participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
As liñas de actuación en 11 capítulos
A memoria ofrece o relato das liñas de actuación estruturadas en 11 capítulos e 2 anexos que inclúen apartados específicos de bibliotecas e dinamización da lectura, arquivos, patrimonio cultural, museos, difusión das artes plásticas e visuais, promoción das artes escénicas, musicais e audiovisuais e difusión do libro e da literatura galega. A maiores, inclúe un apartado dedicado á cultura como espazo común, outros dous dedicados á Agadic e á Cidade da Cultura e un capítulo final centrado na internacionalización da cultura galega. Finalmente, os anexos abordan a estrutura da área de Cultura da Consellería e as principais convocatorias de axudas públicas no ámbito cultural da Xunta de Galicia.
Entre as efemérides destacadas a publicación recolle as programacións deseñadas para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado a Manuel María; o centenario das Irmandades da Fala; o centenario do nacemento de Camilo José Cela e o 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán, entre outras.
Fitos e estratexias para a internacionalización
O conselleiro explicou que as actuacións en internacionalización son “transversais e nela participan os distintos departamentos da Xunta” e destacou como fitos principais a celebración da World Music Expo (Womex16) por segunda vez en tres anos en Santiago no mes de outubro e o protagonismo do libro e a literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires, a través da presenza de Santiago de Compostela como cidade convidada.
Neste mesmo ámbito, Román Rodríguez aludiu á difusión no Museo Nacional del Prado do legado escultórico do Mestre Mateo, a través dunha mostra que, por primeira vez neste museo, converteu un autor galego en protagonista e referiuse á estratexia de cooperación cultural co ámbito lusófono, ao abeiro da Lei de aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz-Andrade. Con iniciativas como o encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, o Proxecto NÓS Territorio Escénico, as iniciativas culturais do Eixo Atlántico ou o proxecto Nortear, dos que deu conta o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Cara ás bibliotecas e arquivos do futuro
Na posta en funcionamento de recursos dixitais para achegar a cultura á cidadanía galega, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, apuntou avances no ámbito das bibliotecas e os arquivos. Referiuse a iniciativas como ‘GaliciaLe’, a plataforma de préstamo do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas. Un programa que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato e rexistrou en 2016 un total de 13.366 préstamos aos preto de 3.000 (2.917) usuarios que empregan este servizo.
Ademais, Anxo Lorenzo lembrou que o pasado ano comezou a integración de todas as bibliotecas na rede galega nun sistema de xestión único: o Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, que permite a creación dun catálogo colectivo de todas as bibliotecas e unha xestión integrada dos seus recursos. O uso deste sistema posibilitou tamén a creación dun carné único, que funciona como ferramenta de entrada a todas as bibliotecas da rede. Actualmente, este carné xa está a dar acceso a 25 bibliotecas públicas, cuns fondos comúns de máis de 900.000 títulos e uns 2 millóns de documentos.
Pola súa banda, o espazo na rede do Sistema de Arquivos de Galicia seguiu a prestar no 2016 un importante servizo por medios virtuais. En concreto, fixéronse un total de 30.277 consulta, o que deixa un total de máis de 115.000 páxinas visitadas no portal dos Arquivos de Galicia.
Un novo marco legal para o patrimonio
Na súa intervención, a directora xeral do Patrimonio Cultural desenvolveu a idea de que salvagardar os bens e darlles solucións ás persoas en colaboración coas distintas administracións son algunhas das claves que guían o proceder da Xunta de Galicia en materia de xestión do patrimonio cultural. E, consonte a esa idea, o ano pasado foi aprobada a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
Esta nova regulación supón un progreso na integración da protección do patrimonio nas demais políticas sectoriais, na protección dos Camiños de Santiago no conxunto da protección do patrimonio cultural, e nunha maior colaboración interadministrativa, con maior protagonismo dos concellos, e a participación cidadá neste eido.
Ao mesmo tempo dáse unha simplificación do marco regulador tanto no lexislativo como no administrativo en aspectos como a clasificación dos bens. A lei persegue con isto garantir a maior seguridade xurídica posible para todas as partes e incorporar á lei novos recoñecementos e valementos patrimoniais, como son o propio patrimonio inmaterial, a arqueoloxía subacuática, o patrimonio industrial e o científico, entre outros.
Políticas específicas para as industrias culturais
En 2016, a Agadic continuou coa súa actividade de impulso e consolidación do tecido empresarial dedicado á cultura en Galicia. As distintas liñas de subvención ás industrias culturais, así como a actividade desenvolvida ao longo de todo o ano nos circuítos profesionais estables de exhibición escénica e cinematográfica: Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño e Cinemas de Galicia, entre outros.
Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen tamén deu conta dalgunhas cifras do seu departamento: tales como as 1.257 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo desenvolvidas e as nove convocatorias de axudas publicadas e resoltas, que posibilitaron a produción de 16 películas presentadas por produtoras galegas, o impulso á posta en marcha doutras dez, así como trece títulos máis na liña específica dedicada á promoción do talento audiovisual galego. Do mesmo xeito, no apartado de actividade escénica financiouse a montaxe de 29 obras de teatro e contribuíuse á actividade de 5 salas privadas. Tamén se referiu aos 13 festivais de música subvencionados, nove de escena e seis de audiovisual; ou das 151 accións que supuxeron a presenza concreta dos nosos produtos culturais no exterior (17 delas en mostras e festivais internacionais audiovisuais de prestixio).
No que atinxe á internacionalización da cultura galega, o labor da Agadic incluíu grandes eventos como o citado Womex ou Focus GalicianTunes, no ámbito musical; ou o plan de acción exterior do audiovisual, aparellado á participación da industria galega nas principais feiras mundiais do sector (Clermont-Ferrand, European Film Market, MIPCOM, MIPTV, Marché du Film, Sunny Side Of The Doc, etc).
Integración e propostas para todos os públicos
Cultura e sociedade son inseparables, e tanto a unha como a outra deben ser integradoras, incluíndonos a todos coas nosas particularidades. En concreto, no eido da integración das persoas con distintas capacidades a Xunta apoiou proxectos de integración e visibilización social a través das artes como o proxecto En-Red-Arte, con Cogami, o de Artes pola integración ou o V Festival de Arte pola Igualdade.
Para rematar, desde a Xunta de Galicia apostouse polo lecer cultural para todos os públicos e en galego. En concreto, Galicia Culturea, cultura e lingua no verán, levou 600 actividades culturais e propostas de dinamización lingüística de rúa a un total de 166 localidades galegas. Na mesma liña, consolidáronse as actividades para o público familiar na Cidade da Cultura de Galicia –explicou a xerente da Fundación, Ana Isabel Vázquez Reboredo –, con citas moi ben recibidas como Cidade Imaxinaria, Nadal no Gaiás ou o Entroido no Gaiás. En total, a Cidade da Cultura organizou durante o pasado ano 149 actividades culturais ás que asistiron preto de 150.000 persoas.