Nova: A Coruña acollerá a gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares

10/03/2017

A Coruña acollerá a gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais e o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia asinaron un convenio para a realización do programa de actividades vinculadas á vixésimo primeira edición dos galardóns

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá o 29 de marzo a cerimonia de entrega na que se coñecerán os gañadores nas 14 categorías convocadas, ás que se presentaron 44 espectáculos e arredor de 400 profesionais
 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) na organización do programa de actividades vinculado aos Premios de Teatro María Casares, que este ano celebran a súa vixésima primeira edición. Os galardóns, que recoñecen o labor desenvolvido pola profesión teatral galega durante 2016, entregaranse no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 29 de marzo.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da AAAG, Ernesto Chao, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia contribúe á realización de diferentes accións promocionais relacionadas coa convocatoria destes galardóns. O seu punto culminante será a cerimonia durante a que se coñecerán os gañadores e gañadoras nas catorce categorías ás que optan 13 espectáculos, ademais de facerse entrega do Premio de Honra Marisa Soto ao director teatral e dramaturdo Eduardo Alonso.

Desde a súa primeira convocatoria, os Premios María Casares téñense convertido nunha das citas anuais de referencia para a escena galega, funcionando como espazo de encontro para os profesionais do sector, foro social para o recoñecemento do seu labor e plataforma de proxección pública do seu traballo tanto dentro como fóra de Galicia.

Finalistas

Entre os finalistas desta edición, á que se presentaron candidaturas de 44 espectáculos e preto de 400 profesionais, ‘O tolleito de Inishmann’, de Contraproducións co FIOT Carballo, destaca como o espectáculo con maior número de candidaturas (11). Pola súa banda, ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, aspira a oito galardóns, e ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro, a cinco. Estas tres producións dispútanse os apartados á mellor espectáculo e dirección.

‘Voaxa e Carmín’, de ButacaZero, opta a levar cinco xerras María Casares; ‘Foucellas’, de Talía Teatro, competirá en tres modalidades, e as montaxes ‘A nena que quería navegar’, de Redrum Teatro, e ‘Os amores de Jacques o fatalista’, de Producións Teatráis Excéntricas, farano en dúas. Finalmente, optan a un galardón ‘Xurdefet (Jour de Fête)’, de Berrobambán; ‘Pavillón Lino’, de Caramuxo Teatro; ‘Tartufo’, do Centro Dramático Galego (para Cesar Cambeiro na modalidade de mellor actor protagonista); ‘Get Back’, de Eme2 Producións; ‘Danza da choiva’, de Elefante Elegante, e ‘Os Rockenstein’, de Malasombra Producións.
 

Comparte