Nova: O Centro Arqueolóxico Salinae recibiu preto de 6.000 visitantes durante 2016

03/01/2017

O Centro Arqueolóxico Salinae recibiu preto de 6.000 visitantes durante 2016

Supón un incremento do 20 por cento

Ofrece un interesante percorrido para coñecer a historia da única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio romano

 

  • O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou esta mañá unha visita ao Centro Arqueolóxico do Areal ´Salinae´ O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou esta mañá unha visita ao Centro Arqueolóxico do Areal ´Salinae´

Vigo, 03 de xaneiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou esta mañá unha visita ao Centro Arqueolóxico do Areal ´Salinae´ que o pasado ano 2016 recibiu preto de 6.000 visitantes. Este dato, coma resaltou o delegado, supón un incremento do 20% con respecto ao ano anterior.

Acompañado polo director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés Moreira, López-Chaves fixo un percorrido para coñecer a historia da única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano e cuxo funcionamento data dos séculos I-III d.C., cando producía sal a grande escala.

O delegado cualificou de “orgullo” ter esta instalación museística en pleno centro da cidade, na rúa Rosalía de Castro, posto que se trata dun “lugar de referencia mundial” para os estudos sobre a explotación da sal na antigüidade e para coñecer “qué funcións se cumprían nas primeiras épocas do Imperio Romano nesta zona do Areal, onde se producía un recurso tan necesario para a alimentación”, considerou.

Así, animou aos vigueses e aos visitantes a coñecer este xacemento de máis de 300m2 que, polo seu excelente estado de conservación, permite entender o funcionamento dunha instalación salineira e como os romanos producían o sal. “É unha aposta da Xunta polo patrimonio histórico e arqueolóxico”, declarou na súa intervención ante os medios.

Pola súa banda, o director do Museo do Mar de Galicia -que se encarga da súa xestión-, resaltou a “orixinalidade” de contar con este xacemento na cidade porque “non se conserva ningunha salina desta época en todo o Imperio romano que quedase fosilizada”.

Ademais, significou o que este centro representa para Vigo explicando que, coma se pode observar no xacemento do Areal, “hai 2.000 anos a actividade industrial de Vigo estaba relacionada co mar e 2.000 anos despois é exactamente igual. Hai unha lóxica e continuidade histórica que se debe valorar”, sinalou. “Nos sirve para aprender do pasado, para valorar o presente e para saber onde estivemos camiñando e a onde temos que camiñar”, considerou Caramés Moreira.

´Salinae´ contou cun investimento da Xunta de Galicia de 1,4 millóns de euros e permanece aberto ao público dende o ano 2009. O horario de apertura do centro é de 11 a 14 horas e, dende o mes de novembro, permanece tamén aberto en horario de tarde de 16 a 18 horas, excepto os fins de semana e en períodos de vacacións escolares.
 

Comparte