Nova: Jon Gorospe exhibe en Lugo a súa obra Environments, gañadora do IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

02/12/2016
Jon Gorospe exhibe en Lugo a súa obra Environments, gañadora do IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
A mostra inicia no pazo de San Marcos unha itinerancia que a levará por diferentes municipios de Galicia, do resto do Estado e de Portugal
Promovido polo festival Outono Fotográfico co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, o certame ten como obxecto a difusión do traballo premiado a través dunha exposición e dunha publicación
Lugo, 2 de decembro de 2016.- O Pazo de San Marcos, en Lugo, acolle a exposición ‘Environments’, o traballo co que Jon Gorospe gañou este ano o IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Durante a inauguración da mostra, o secretario xeral de Cultura gabou o certame por contribuír á promoción de novas creacións nesta disciplina artística, ao tempo que destacou o interese de lles achegar aos diferentes públicos traballos fotográficos de calidade, a través dunha programación expositiva accesible en todo o territorio.
O traballo de Jon Gorospe –que itinerará nos próximos tres anos polas cidades galegas, así como por outras localidades do resto do Estado e de Portugal– achega unha singular revisión sobre a relación da sociedade cos residuos que se producen no planeta. ‘Environments’ é un ensaio cunha linguaxe tremendamente contemporánea no que o autor, con diversas pezas de orixe fotográfica e audiovisual, convida a repensar a posición do ser humano no mundo e a súa relación endocentrista co que o rodea.
Promoción da fotografía contemporánea
Promovido polo festival Outono Fotográfico co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación de Lugo, o certame ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Así mesmo, pretende promover a creación dun espazo fotográfico en Galicia que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico, mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores e de autoras tanto nacionais como estranxeiros.
O premio consiste na produción dunha exposición co traballo gañador e na edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador coa itinerancia da mostra durante tres anos en distintos puntos de dentro e de fóra de Galicia.
O xurado, que valorou proxectos chegados desde varios países, estivo este ano composto por Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea; por Ana Matos, directora da Galería das Salgadeiras (Lisboa) e comisaria; Silas de Paula, fotógrafo e profesor de Fotografía na Universidade Federal do Ceará en Fortaleza (Brasil), por Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; por Vítor Nieves, comisario do OF, coordinador do premio e fotógrafo; por María Mercedes Gallego, en representación da Xunta de Galicia; por Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, en representación da Deputación de Lugo; e, como secretaria, por Manú Gallego, en representación da Asociación Proxecto Benito Losada.