Nova: O Simposio Reveriano Soutullo profunda no legado do compositor e no papel da muller na música

19/11/2016

O Simposio Reveriano Soutullo profunda no legado do compositor e no papel da muller na música

A quinta edición das xornadas reúne diversos especialistas na figura e na obra do compositor de Ponteareas, e nas achegas realizadas por mulleres á historia da música galega ata o primeiro terzo do século XX

O secretario xeral de Cultura incidiu no interese da iniciativa para favorecer espazos de reflexión e de difusión do patrimonio musical galego
 

  • Cartel do simposio Cartel do simposio

Ponteareas (Pontevedra), 19 de novembro de 2016.- O Simposio de musicoloxía Reveriano Soutullo celebra esta fin de semana a súa quinta edición cun programa centrado na figura e na obra do compositor de Ponteareas, así como no papel da muller na música ata o primeiro terzo do século XX.

Na apertura das xornadas, promovidas pola Fundación Reveriano Soutullo coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse ao simposio como “unha oportunidade para profundar no legado deste destacado e prolífico compositor a través de recoñecidas voces” e mais para recuperar e poñer en valor moitas das achegas realizadas por mulleres á historia da música galega. A este obxectivo contribuirán as intervencións das especialistas que se darán cita na primeira xornada do simposio, que abrirá co relatorio “A presenza invisible: a proxección musical da muller no século XIX en Galicia”, a cargo de Lorena López Covas.

Recuperación da obra de Soutullo

O domingo, a xornada centrarase na recuperación do legado de Soutullo e terá entre os seus eixos principais a obra do compositor no arquivo musical da Banda Garrote-Ortigueira e mais nos arquivos da Banda Municipal de Vigo. Ese mesmo día daranse a coñecer no marco do simposio as bases da primeira edición do Concurso de Piano Reveriano Soutullo, que se celebrará na primavera do próximo ano 2017.

Tampouco faltará no programa a representación musical, cunha homenaxe ao papel da muller na música a través dos concertos do grupo de gaitas do mosteiro de Pexegueiro e o das pandeireteiras da Serra do Suído.

Novo disco co repertorio para piano

A Xunta de Galicia vén colaborando coa actividade impulsada pola Fundación Reveriano Soutullo a prol da recuperación e da posta en valor da obra do compositor de Ponteareas. Este ano, a Secretaría Xeral de Cultura tamén apoia o disco coa obra para piano de Reveriano Soutullo interpretada por Alejo Amoedo, un novo material editado por Dos Acordes que favorecerá a difusión dunha das facetas máis descoñecidas do que está considerado como un dos compositores máis destacados do primeiro terzo do século XX.

Comparte