Nova: Dez novos proxectos audiovisuais benefícianse das axudas da Agadic

08/11/2016

Dez novos proxectos audiovisuais benefícianse das axudas da Agadic

A través dunha liña de subvencións de 185.000 euros apóiase o proceso de preprodución de cinco longas de ficción en imaxe real, unha de animación, un documental, dúas miniseries de ficción para televisión e outra de animación

As empresas beneficiarias da convocatoria de 2016 son Agallas Films, Abano Producións, Filmika Galaika, Ladybug Films, Matriuska Producciones, O Cable Inglés, Portocabo TV, Pulsa Control Z, Vía Láctea Filmes e Vaca Films

 

Santiago, 8 de novembro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura publica no seu web a adxudicación de 185.000 euros en axudas a un total de 10 produtoras galegas ao abeiro da convocatoria de subvencións de 2016 para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. A través desta liña de apoio, contribuirase ao financiamento da fase de preprodución de cinco novas longametraxes de ficción en imaxe real, unha de animación e outra documental, ademais de dúas miniseries televisivas de ficción e unha terceira de animación.

O total adxudicado distribúese entre as propostas de Agallas Films (‘Choiva fina’), Abano Producións (‘Unicorn Wars’), Filmika Galaika (’Eles transportan a morte’), Ladybug Films (‘Dinogames. A serie’), Matriuska Producciones (‘As crisálidas’), O Cable Inglés (‘As mulleres non son de porcelana’), Portocabo TV (‘Auga seca’), Pulsa Control Z (‘O viaxeiro radical’), Vía Láctea Filmes (‘Aguia de brasón’) e Vaca Films (‘Quen a ferro mata’), ás que Agadic apoia na posta en marcha dos devanditos títulos.

O obxectivo é acompañar economicamente as produtoras desde o mesmo momento en que comeza a preprodución dos seus novos traballos para cinema e televisión. Xa de cara á súa posterior materialización e chegada ás pantallas, estas empresas terán á súa disposición unha convocatoria autonómica de subvencións específica para produción e coprodución audiovisual, que en 2016 se dotou con dous millóns de euros distribuídos entre 16 títulos, así como outros fondos estatais e europeos.

Futuras películas

Entre os proxectos de películas de ficción que contarán con axuda da Agadic para iniciar o seu desenvolvemento, atópase o filme de animación ‘Unicorns Wars’, presentado por Abano Producións e co que Alberto Vázquez volverá poñerse á fronte dunha longa tras o éxito de ‘Psiconautas’, que codirixiu con Pedro Rivero, e das curtas ‘Bird Boy’ e ‘Decorado’.

‘Unicorns Wars’ foi, ademais, un dos guións subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais mediante a convocatoria para a promoción do talento audiovisual galego, a mesma a través da que en 2015 se financiou o guión de ‘Eles transportan a morte’, de Helena Girón, presentado este ano a desenvolvemento pola produtora Filmika Galaika e que será a primeira longa desta directora despois da súa experiencia como curtametraxista.

Tamén recibiu no seu día unha axuda de talento ‘Quen a ferro mata’, escrito polo guionista e realizador Juan Galiñanes. Vaca Films levará esta historia á pantalla grande baixo a dirección de Paco Plaza e a partir do guión do propio Juan Galiñanes con Jorge Guerricaechevarría.

Pola súa banda, Agallas Films volverá producir unha película de Simón Casal tras o seu debut como realizador de longametraxes con ‘Lobos sucios’. O título deste novo filme será ‘Choiva fina’ e, neste caso, o guión corre a cargo do propio director.

Proxecto do programa ‘Firma e Filme’

Xunto con estas catro historias orixinais, as axudas a desenvolvemento tamén impulsarán a posta en marcha de dúas adaptacións de obras literarias. Así, Pulsa Control Z foi seleccionada por ‘O viaxeiro radical’, versión da novela de Xerardo Quintiá publicada por Galaxia, que dirixirá para o cinema Enrique Otero con guión de Héctor Carré e Xacobe Sineiro. Este foi, ademais, un dos proxectos de colaboración entre empresas audiovisuais e editoriais que xurdiu a partir da primeira edición do programa Firma e Filme, promovido pola Agadic xunto coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE).

O segundo guión adaptado será o de ‘Aguia de brasón’, a primeira das ‘Comedias bárbaras’ de Valle-Inclán, que ten proxectado levar ao cinema Ignacio Vilar da man da súa produtora, Vía Láctea Filmes.

Dentro da modalidade de longametraxes, tamén recibe subvención un documental, ‘As mulleres non son de porcelana’, que producirá O Cable Inglés con guión de Marián Fernández e dirección de Ana Sanmartín.

Televisión

En canto aos proxectos televisivos, atópanse nesta relación unha miniserie de animación –‘Dinogames’, producida por Ladybug Films e dirixida por Carlos Fernández a partir do guión de Ángel de la Cruz– e outras dúas de ficción: ‘Auga seca’, historia escrita por Pepe Coira e que dirixirá Jorge Coira coa produción de Portocabo; e ‘As crisálidas’, producida por Matriuska con guión e dirección de Samuel Lema.

As contías adxudicadas en cada caso destinaranse á adquisición de dereitos de autor, desenvolvemento de guións, asesoramento e actos xurídicos, deseño e realización de materiais promocionais, contratación de plans de márketing e participación en mercados e foros de coprodución e desenvolvemento de proxectos, así como en gastos de persoal e de Seguridade Social dos guionistas e/ou directores, entre outros. Tal e como especifican as bases, o importe que recibirá cada unha das empresas subvencionadas será distribuído entre as anualidades de 2016 e 2017.

A resolución desta convocatoria pode consultarse na páxina web da Agadic: www.agadic.gal/axudas.
 

Comparte