Nova: A nova exposición do CGAC percorre a evolución pictórica de Berta Cáccamo

04/11/2016

A nova exposición do CGAC percorre a evolución pictórica de Berta Cáccamo

Expansión ensaio amosa unha selección do traballo da artista viguesa nos últimos 30 anos

O secretario xeral de Cultura referiuse á súa obra como “unha das máis consolidadas e importantes da súa xeración, polo seu traballo plástico, polo fondo intelectual da súa pintura e pola constancia da súa traxectoria”
 

  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición
  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición
  • Anxo Lorenzo na presentación da exposición Anxo Lorenzo na presentación da exposición

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2016.- A obra de Berta Cáccamo é a protagonista da nova exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que ofrece ata o próximo 22 de xaneiro un percorrido polo traballo da artista viguesa durante os últimos 30 anos.

‘Expansión ensaio’ é o título deste proxecto expositivo, “un percorrido no que imos poder atopar esa Berta Cáccamo reflexiva e ao mesmo tempo inquieta, comunicativa e expansiva, a través da linguaxe que ela ensaia pero que domina, que é a pintura; nunha forma e nun enfoque que evoluciona no tempo e que se presenta como unha das propostas artísticas máis interesantes deste país”. Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da mostra, na que participou xunto coa propia artista, co comisario da exposición, David Barro, e mais co director do CGAC, Santiago Olmo.

“Berta Cáccamo é unha das artistas cunha das traxectorias máis consolidadas, non só no ámbito galego, senón no ámbito español e mesmo internacional”, dixo Anxo Lorenzo, ao tempo que afirmou que “a súa obra é considerada unha das máis sólidas e importantes da súa xeración, polo seu traballo plástico, rigoroso e esixente, polo fondo intelectual da súa pintura e pola constancia da súa traxectoria”.

Un proxecto vital escrito en presente continuo

Tras unha intervención pictórica no CGAC en 1997, Berta Cáccamo (Vigo, 1963) volve expor no centro galego de referencia da arte contemporánea, nesta ocasión para amosar unha selección do seu traballo no últimos 30 anos. De vocación temperá, a artista galega creceu nun universo ligado á creación. Esixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha mirada inquieta, emocional e afectiva. Por iso é polo que o título da exposición fala de expansión, porque a súa obra é ao mesmo tempo un proxecto vital; e de ensaio, porque se escribe en presente continuo e se inscribe na memoria da historia da pintura.

‘Expansión ensaio’ nace a partir de obras de finais dos anos oitenta, cunha pintura que emerxe coma o grafismo dunha linguaxe descoñecida e na que o debuxo cobra un protagonismo fundamental. Se a pintura da época se caracterizaba por ser enérxica e neoxpresionista, Berta Cáccamo afástase para traballar o sígnico e o simbólico, que progresivamente perderán forza en favor dos valores puramente plásticos.

Nos anos noventa, pasa da precisión do debuxo á concreción poética, a partir de manchas ou do visceral do xesto, deixando traballar á pintura. As súas obras abrazan entón o sentido de perda, cando ver é sentir que algo se nos escapa e as formas semellan camiñar cara á súa extinción. Máis tarde, en liña histórica cos traballos neorreducionistas do grupo Supports-Surfaces francés, busca máis a xeometría e o sentido de serie. Avanta así na súa maneira de tensionar o visible, o que queda fóra de campo, algo que se torna aínda máis crucial na súa serie ‘Verquidos’, onde a artista se sitúa nunha posición moi analítica, de investigación de novas posibilidades respecto do seu traballo e da pintura, actitude que mantén nestes últimos anos ao utilizar cores industriais alleas á tradición da pintura.

Pintora cultura, esixente e reflexiva

David Barro, comisario da exposición, define a Berta Cáccamo como “unha pintora culta, esixente e reflexiva, capaz de destilar influencias afastadas no tempo, de Cimabue a Morris Louis, de Giotto a Kounellis, da paisaxe dos Ancares á radical painting, da simboloxía celta á capacidade imaxinaria dos mapas, da pintura de Gordillo, Tàpies ou Miró ao campo expandido da pintura de Katharina Grosse”. Barro sinala que Berta Cáccamo “é unha artista do seu tempo que sempre se interesou pola pintura que deixa flotar a imaxe”.

A exposición complétase cunha intervención do artista Miquel Mont, compañeiro de estudio da artista en París a principios dos anos noventa. Desde entón, ambos os dous manteñen unha relación intelectual e profesional produto de compartir unha serie de actitudes singulares ao redor da pintura e das súas posibilidades expansivas.

Conversa coa artista

A mostra, que permanecerá aberta ao público até o día 22 de xaneiro e ocupará as salas da primeira planta do CGAC, será inaugurada esta tarde ás 20:00 horas. Previamente á inauguración, ás 19:00 horas, na sala de reunións do padroado do CGAC, a artista manterá unha conversa coa súa galerista, Asunta Rodríguez; co comisario da mostra, David Barro; e co director do CGAC, Santiago Olmo.

A exposición de Berta Cáccamo vai convivir no CGAC coa mostra ‘Cut Through the Fog’, unha aproximación a unha serie de pezas significativas da artista Eva Lootz que arrincan na década dos setenta para chegar ata a actualidade.

Comparte