Nova: Convocado o II Certame de Relato Breve Nélida Piñón

30/09/2016

Convocado o II Certame de Relato Breve Nélida Piñón

A nova edición do premio foi presentado esta tarde en Cotobade nun acto que contou coa participación da escritora brasileira de raíces galegas, referente da literatura universal

Este ano, o certame introduce a novidade de dous accésits, dotados cada un con 1.000 euros, que se suman ao premio de 4.000 euros para a obra gañadora

O prazo para a presentación de orixinais permanecerá aberto do 1 de outubro ao 1 de maio de 2017 e as bases poden consultarse en www.cultura.gal/gl/premios

Cotobade (Pontevedra), 30 de setembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Cotobade e a Deputación Provincial de Pontevedra presentaron esta tarde a segunda edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, nun acto que contou coa participación da escritora brasileira de raíces galegas, precisamente de Cotobade.

“Creado coa idea de promover a actividade literaria dos novos escritores e escritoras e de lles ofrecer un escaparate para dar a coñecer as súas primeiras creacións”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o certame naceu tamén co obxectivo de homenaxear a escritora que lle dá nome, Nélida Piñón Cuíñas, a quen Anxo Lorenzo cualificou como “unha traballadora das palabras e dos afectos”. “Así se constrúe –dixo– a súa espléndida obra literaria e así se entenden tamén as iniciativas que alenta e acompaña”.

Unha das plumas máis importantes da literatura

“Para Galicia é unha enorme honra ser berce e lugar afectivo dunha das plumas máis importantes da literatura actual e saber que a nosa cultura, non só a territorial senón tamén a que os nosos emigrantes levaron polo mundo, é xermolo dunha creatividade e dun relato de interese e de lectura universal”, afirmou o secretario xeral, que tamén expresou que “ese exemplo de saber buscar na raíz a faísca da construción literaria que Nélida Piñón representa é o que nos gustaría que fose modelo para as nosas novas escritoras e escritores; tamén a súa xenerosidade e fundamentalmente, a súa capacidade de traballo constante, que é o que permite que o talento frutifique nunha obra rematada e de calidade”.

Respecto da nova edición do premio, Anxo Lorenzo destacou que este ano o certame estende o seu formato de relato curto ata as 30 páxinas e introduce a novidade de dous accésits, o que, “ademais de darlle a oportunidade a outros dous autores de ver premiado o seu traballo, permitirá tamén incorporar eses relatos á edición que promovemos cada ano para difundir as obras”.

Xunto co Goberno galego, promoven este certame o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra, representados, respectivamente, polo alcalde, Jorge Cubela, e polo deputado de Cultura, Xosé Leal, nun acto que tivo lugar na Casa do Concello de Cotobade e que tamén contou coa asistencia do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén.

Prazo de presentación

Ao certame poden concorrer autores e autoras maiores de 18 anos de calquera nacionalidade, con obras orixinais e inéditas escritas en galego e cunha extensión mínima de 20 e máxima de 30 páxinas, que se presentarán entre o 1 de outubro de 2016 e o 1 de maio de 2017. Dotado con 4.000 euros e mais con dous accésits de 1.000 euros cada un, o premio tamén inclúe a publicación das obras seleccionadas.

As bases poden consultarse na páxina web de Cultura.gal, en http://www.cultura.gal/gl/premios

Na primeira edición, o autor galardoado foi Xesús Castro Yáñez, pola obra ‘O vello e o Minotauro’. O relato, que é unha reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, foi seleccionado entre un total de 180 traballos e viu a luz en 2015 nunha publicación.

Comparte