Nova: Teatro, danza e novo circo comparten programación no terceiro día do Galicia Escena PRO

08/06/2016
Teatro, danza e novo circo comparten programación no terceiro día do Galicia Escena PRO
Da man de Matrioshka, Traspediante, IO, Kukai e Talía, a carteleira inclúe os espectáculos ‘Manawee’, ‘Up2Down’, Contiguo’, ‘Oskara’ e ‘Foucellas’
Desenvolverase tamén un novo encontro entre todos os asistentes e unha reunión da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural
Santiago, 8 de xuño de 2016.- Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, continúa a desenvolverse en Santiago de Compostela coa exhibición da súa intensa carteleira de espectáculos, na que hoxe mércores compartirán protagonismo as propostas de teatro, danza e novo circo de catro compañías galegas: Matrioshka, Traspediante, IO e Talía; ademais da vasca Kukai Dantza.
Os 120 axentes culturais acreditados poderán iniciar a xornada do mércores ás 11.00 horas na Fundación SGAE, onde se representará ‘Manawee’, de Matrioska Teatro, un espectáculo de creación contemporánea que aborda con humor e poesía o momento vital do final da infancia. O trío de actrices que integran Lorena Conde, Anabell Gago e Chelo do Rejo interpretan esta historia dirixida a todos os públicos e recomendada para nenos e nenas a partir de 8 anos.
Na mesma sede da SGAE, pero no adro exterior do edificio, terá lugar a continuación a segunda das funcións do día, ‘Up2Down’, a cargo de Traspediante. Serán outras dúas intérpretes femininas, Marta Alonso e Paula Quintas, as que asuman esta proposta de danza-circo, na que executan distintos números de funambulismo para levar o espectador por unha viaxe emocional a través de dous perfís antagónicos ata acadar o punto de encontro no equilibrio. O resultado é unha montaxe versátil, que pode representarse tanto en salas como en espazos ao aire libre.
Xa pola tarde, a Compañía IO exhibirá ‘Contiguo’, outro espectáculo adaptable a distintos espazos, que conta con dirección de Natalia Outeiro e coreografía de Paula Quintas. Álvaro Pérez Fidalgo e Álvaro Reboredo Ortega, os dous cunha ampla formación e traxectoria en habilidades circenses, conforman este dúo que traballa na investigación da linguaxe espacial e corporal creando un universo de expresión co circo como linguaxe en si mesma. A función será ás 17.30 horas no Auditorio Abanca.
Reinvención da danza tradicional vasca
Ás 19.00 horas, o programa de Galicia Escena PRO trasladarase ao Teatro Principal, onde a compañía vasca Kukai Dantza representará ‘Oskara’, espectáculo que xorde da unión dos universos creativos de Kukai, a compañía creada por Jon Maya en 2001 a partir da danza tradicional vasca, e Marcos Morau, de La Veronal. Da conxunción destas dúas olladas cara á danza, que navegan entre a raíz máis popular e a expresión máis vangardista, nace ‘Oskara’, un traballo ‘instalativo’ que percorre algunhas das paisaxes da cultura vasca e dos seus mitos, dende a súa orixe ata a época contemporánea, e debuxa un percorrido plástico e emocional de símbolos e iconografía.
A última das propostas do día será ‘Foucellas’, un texto escrito ex profeso por Cándido Pazó para a súa posta en escena por Talía Teatro. Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo interpretan a recreación da historia do célebre ‘maquis’ galego. A peza une ficción, mito e realidade para pensar nun momento histórico, que na trama se sitúa concretamente no ano 1952, e establecer un pulso metafórico que nos amosa temas como a xestión da esperanza ou a administración da derrota.
Difusión de 37 propostas escénicas
Galicia Escena PRO está a celebrarse desde o luns e ata o xoves coas propostas de 37 compañías de teatro (33 delas galegas) que exhiben ou difunden as súas últimas producións ou os seus próximos proxectos entre o público profesional. Os 17 espectáculos que se mostran en formato completo son de acceso gratuíto para o público xeral, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente, que estarán abertas desde unha hora antes do comezo dos pases.
O resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, como as sesións ‘showcase’ e ‘pitching’. Entre estas actividades, está tamén o terceiro encontro de asistentes que terá lugar mañá ás 13.30 horas na SGAE, así como a reunión da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural que acollerá o Salón Teatro ás 16.30 horas.