Nova: Os arquivos galegos celebran o seu día cunha programación especial de actividades

08/06/2016
Os arquivos galegos celebran o seu día cunha programación especial de actividades
Os centros de xestión autonómica súmanse á conmemoración do 9 de xuño con xornadas de portas abertas, proxeccións audiovisuais, obradoiros, visitas teatralizadas, mostras documentais e conferencias
As propostas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en cultura.gal
Santiago, 8 de xuño de 2016.- O 9 de xuño conmemórase internacionalmente o Día dos Arquivos e, para celebralo, a Consellería de Cultura e Educación ofrece esta semana un programa especial de actividades a través dos arquivos de xestión autonómica, dirixidas a difundir o patrimonio documental e a concienciar do seu valor á cidadanía.
Xornadas de portas abertas e visitas guiadas, obradoiros didácticos, mostras documentais e propostas musicais e teatrais son algunhas das iniciativas que se desenvolverán na capital de Galicia, na Coruña, en Vigo, en Pontevedra, en Lugo e en Ourense.
Arquivo de Galicia
No marco desta celebración, este xoves 9 de xuño, ás 13:00 horas, a Cidade da Cultura acollerá o acto de presentación pública do depósito do arquivo da Real Sociedade Económica de Amigos do País (RSEAP) de Santiago no Arquivo de Galicia, un fondo documental relevante para a investigación histórica e de gran valor patrimonial.
Con este motivo, o Arquivo de Galicia exhibe durante esta semana unha mostra cunha selección de documentos deste fondo, que inclúe os primeiros estatutos da RSEAP, o primeiro libro de contas, actas, memorias, estudos e informes sobre avances en diferentes ámbitos etc., que se pode ver na Aula 1 do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura. Ese mesmo día, o Arquivo de Galicia tamén promove unha xornada de portas abertas de 9 a 14 horas e visitas guiadas, previa inscrición.
Arquivo Histórico Provincial de Ourense
Na cidade das burgas, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense estreará o día 9, ás 20:15 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o terceiro capítulo da serie de curtametraxes ‘As viaxes do Capitán Gardador’, que se presenta baixo o título de “O Fénix da memoria”. Tampouco faltarán as xornadas de portas abertas, desde hoxe, día 7, ata o venres 10 de xuño, que consistirán en visitas teatralizadas ás instalacións do arquivo seguidas dun pequeno percorrido por lugares da cidade relacionados cos documentos que se amosan. Recoméndase inscrición previa para as persoas interesadas en participar.
Arquivo Histórico Provincial de Lugo
Esta celebración constitúe tamén unha excelente ocasión para dar a coñecer documentos singulares que se custodian nos arquivos histórico-provinciais galegos. No caso do de Lugo, o día 9 ás 11:00 horas presentarase a estatística escolar da Escola Nacional Mixta da Ermida, parroquia do Chao de Fabeiro en Monforte de Lemos, do ano 1943. Tamén se organizará unha visita guiada ao arquivo ás 10:00 horas, previa inscrición, no marco das xornadas de portas abertas, que se prolongarán desde as 08:30 ata as 20:30 horas.
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra
Na cidade do Lérez, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra celebra os vindeiros días 9 e o 10 de xuño xornadas de portas abertas con visitas guiadas ás 12 e ás 17 horas, no primeiro día, e ás 12:00 horas, no segundo, tanto ás instalación como á mostra sobre as fontes documentais para o estudo da toponimia que se pode ver estes días no centro. Ademais, o venres 10, ás 19:00 horas, acollerá a conferencia “Arquivos, toponimia e tradición oral”, impartida polo arqueólogo, historiador e experto en toponimia Xosé Lois Vilar Pedreira. A seguir, ás 20:00 horas, terá lugar unha velada musical a cargo das violinistas Antía García Diz e Montserrat Vilasante Ferreiro.
Arquivo do Reino de Galicia
Os obradoiros tampouco faltarán nesta programación especial arredor do día 9. Ese día, o Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña, organizará dous obradoiros impartidos por técnicos do laboratorio. O primeiro deles, que será en horario de 11:30 e de 18:00 horas, está dirixido ao público xeral e baséase na elaboración de marcapáxinas en pergameo. O segundo, ás 18:00 horas para público adulto, consiste nun obradoiro de encadernación centrado na realización de tarxeteiros. Para ambos se require inscribirse previamente.
Finalmente, o Arquivo Central da Consellería de Cultura e Educación, e os arquivos territoriais de Lugo, de Pontevedra e de Vigo organizan o día 9 xornadas de portas abertas, previa reserva, para dar a coñecer as súas instalacións e fondos.
A programación na rede
As actividades poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, neste enlace, e na páxina de Arquivos de Galicia, en arquivosdegalicia.xunta.gal.