Nova: A feira galega das artes escénicas reúne en Santiago máis de 120 profesionais e 37 compañías

03/06/2016

A feira galega das artes escénicas reúne en Santiago máis de 120 profesionais e 37 compañías

O público xeral poderá asistir de balde aos 14 espectáculos galegos e tres vascos seleccionados pola comisión artística

A oferta para os axentes culturais inscritos inclúe a presentación de 10 montaxes en formato showcase, unha sesión pitching na que se adiantarán outros 10 títulos en proxecto, un seminario de e-mail marketing e un concerto de Xabier Díaz Trío

  • O conselleiro, Román Rodríguez, presidiu hoxe a presentación da cuarta edición do encontro organizado pola Agadic que, entre outras novidades consensuadas co sector, trasladou as súas datas de celebración do outono á primavera O conselleiro, Román Rodríguez, presidiu hoxe a presentación da cuarta edición do encontro organizado pola Agadic que, entre outras novidades consensuadas co sector, trasladou as súas datas de celebración do outono á primavera
  • O público xeral poderá asistir de balde aos 14 espectáculos galegos e tres vascos seleccionados pola comisión artística O público xeral poderá asistir de balde aos 14 espectáculos galegos e tres vascos seleccionados pola comisión artística
  • A oferta para os axentes culturais inscritos inclúe a presentación de 10 montaxes en formato showcase, unha sesión pitching na que se adiantarán outros 10 títulos en proxecto, un seminario de e-mail marketing e un concerto de Xabier Díaz Trío A oferta para os axentes culturais inscritos inclúe a presentación de 10 montaxes en formato showcase, unha sesión pitching na que se adiantarán outros 10 títulos en proxecto, un seminario de e-mail marketing e un concerto de Xabier Díaz Trío

Santiago, 3 de xuño de 2016.- Máis de 120 profesionais do sector escénico procedentes de toda Galicia e doutros puntos da Península daranse cita a vindeira semana en Santiago de Compostela durante a celebración da cuarta edición de Galicia Escena PRO, que terá lugar do luns 6 ao xoves 9. Catro espazos da cidade –Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal– serán as sedes principais do evento organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, no marco do que un total de 37 compañías presentarán as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia en diferentes formatos: espectáculos completos, showcases e presentacións pitching.

O programa completo do mercado galego das artes escénicas foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez, quen estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Agadic; Belén Pichel, presidenta da asociación Escena Galega; e Marta Núñez, técnico de Cultura do Concello de Vigo e integrante da comisión encargada da selección artística de 2016. Tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A edición deste ano incorpora varias novidades froito das reunións mantidas con Escena Galega, como principal asociación das empresas do sector, e cunha representación dos programadores galegos. Entre elas, a ampliación da carteleira de tres a catro días e o cambio de datas do encontro, que se adianta de novembro a xuño co obxectivo de optimizar a súa posición no calendario anual dos eventos escénicos máis salientables a nivel estatal.

Román Rodríguez explicou que, conxuntamente co sector, con Galicia Escena PRO perséguese un dobre obxectivo: que funcione tanto como espazo para a compra-venda dos espectáculos galegos como de “plataforma para unha maior visibilidade social da nosa actividade escénica, levando as artes ao centro da vida pública.

Mirada a Euskadi
Ademais, como explicou o conselleiro na súa intervención, Galicia Escena PRO ábrese por vez primeira vez a propostas doutros territorios como xeito de afondar no intercambios e na reciprocidade de accións de difusión entre Galicia e outras comunidades autónomas. Neste caso, e grazas ao acordo entre a Agadic e o instituto vasco Etxepare, exhibiranse tres montaxes procedentes de Euskadi: Mobydick, de Teatro Gorakada; Oskara, de Kukai Dantza; e Solitudes, de Kulunka Teatro.

O resto da carteleira de espectáculos completos achegará as últimas producións de 14 compañías galegas, a través das que se dá conta da variedade de xéneros e estilos escénicos que se están a producir na actualidade en Galicia. Atópanse, entre elas, cinco propostas de teatro para público familiar e infantil: Gretel e Bela, de Teatro da Semente; O poder de Amabel, de Pérez&Fernández; Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Aporía Escénica; Manawee, de Matrioshka Teatro; e O conto da Azuzaina, unha coprodución entre Limiar Teatro, Esteoeste e Crémilo que é estrea absoluta en Galicia Escena PRO.

Tamén para todos os públicos están pensadas as montaxes de danza-circo de Traspediante (Up2Down) e de circo de Compañía IO (Contiguo), mentres que os sete títulos restantes corresponden a teatro para público adulto: Os amores de Jacques O Fatalista, de Producións Teatráis Excéntricas; Coma e punto, de Antagonista Teatro; Raclette, de Ibuprofeno Teatro; Foucellas, de Talía Teatro; Nosa Señora das Nubes, de Teatro do Morcego; A forma das cousas, de La Yogurtera; e Eroski paraíso, de Chévere.

Entradas para o público non profesional
As representacións destes 17 espectáculos serán de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente, que estarán abertas desde unha hora antes do comezo dos pases.

O resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores teatros, auditorios, salas e mostras escénicas, así como representantes de produtoras e distribuidoras. A prioridade é ofrecerlles un espazo para o encontro coas compañías cara á incorporacións de espectáculos galegos nas carteleiras da próxima temporada escénica.

Nesta oferta de actividades previa inscrición inclúense dúas sesións de showcases (luns e martes), nas que outras 10 compañías escenificarán diante dos programadores unha pequena mostra das súas novas producións. Trátase de Múltiple, de Antón Coucheiro; Voaxa e Carmín, de ButacaZero; A vida das tormentas, de Colectivo t.O.x.O; Falar sen cancelas, de Culturactiva; Give it a Spin, de Pisando Ovos; Unhas gafas como as do avó, de A Trastenda dos Contos; Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro; Volta á maxia, de Dani García; Invención, de Odaiko Crea; e Os soños na gaiola, de Títeres Alakrán.

Ademais e por segundo ano consecutivo, Galicia Escena PRO inclúe unha xornada pitching, que terá lugar o xoves e para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de lles presentar aos axentes acreditados un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos son O robot e a doutora Pi; tribulacións na procura dun soño, de Cinema Sticado; Salvador, de Compañía Borja Fernández; O tolleito de Inishman, de Contraproducións; Get Back, de Eme2 Emoción&Arte; Vaia heroe de merda, de Grupo Chévere’; O baúl do mago, de Mago Raga; O encoro enmeigado (nas Fragas do Eume), de Os Monicreques de Kukas; Desconexión, de Soliloquio Producións Teatrais, Tita (un espectáculo teatral sobre a intelixencia emocional), de Teatro Babaluva; e Rubicundo, de Teatro Ghazafelhos.

Tamén se mantén nesta edición a oferta formativa que a Agadic organiza no marco deste evento en colaboración coa Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (Cofae). Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, regresará a Santiago para impartir o luns a 25 profesionais galegos do sector unha nova entrega do seminario de estratexias dixitais, que este ano se centrará na utilización do e-mail marketing.

Actividades paralelas
O calendario de actividades paralelas inclúe, así mesmo, tres momentos especialmente destinados a propiciar o intercambio distendido entre todos os inscritos, ademais dun encontro de xestores culturais organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e as presentacións do novo catálogo de Escena Galega e da próxima edición do Mercado de las Artes Escénicas (Mercartes), que terá lugar en Valladolid o vindeiro mes de novembro.

Como en anos anteriores, Galicia Escena PRO ten preparado un concerto especial na Casa das Crechas que, neste caso, correrá a cargo do Xabier Díaz Trío na noite do martes.

Comparte