Nova: A intervención artística de Sonia Navarro nas Torres Hejduk do Gaiás pon de relevo os oficios tradicionais femininos

02/06/2016

A intervención artística de Sonia Navarro nas Torres Hejduk do Gaiás pon de relevo os oficios tradicionais femininos

En ‘Quefaceres e equilibrio’, a creadora sérvese da tradición téxtil galega para reinvidicar o papel central da muller na estrutura familiar e social

A proposta artística, realizada no marco de Con-fío en Galicia e comisariada por Susana González, pode visitarse de balde todos os días ata o 21 de agosto

  • A proposta artística, realizada no marco de ‘Con-fío en Galicia’ e comisariada por Susana González, pode visitarse de balde todos os días ata o 21 de agosto, de 10 a 20h A proposta artística, realizada no marco de ‘Con-fío en Galicia’ e comisariada por Susana González, pode visitarse de balde todos os días ata o 21 de agosto, de 10 a 20h

Santiago, 2 de xuño de 2016.-  Pór de relevo o papel da muller e dos oficios tradicionais femininos a través da unión entre arte contemporánea e artesanía é obxectivo da nova intervención artística nas Torres Hejduk do Gaiás: ‘Quefaceres e equilibrios’ da creadora Sonia Navarro.

Coa costura como ‘leit motiv’ de toda a súa carreira artística e no marco da exposición ‘Con-fío en Galicia’, Sonia Navarro propón unha intervención intimamente ligada á tradición familiar dos oficios femininos. Unha proposta plástica na que se serve da tradición téxtil galega para reivindicar o papel central da muller na estrutura familiar e social e o da costura como símbolo de resistencia.

Para iso, a creadora combina unhas estruturas esquemáticas e rotundamente contemporáneas coa recuperación de técnicas artesanais empregadas na indumentaria tradicional galega. “A obra de Sonia Navarro supón unha reivindicación da muller e do seu papel na sociedade, na tradición e, por suposto, na economía galega”, asegurou durante o acto de apertura da mostra a directora de Acción Cultural, María Pereira, quen destacou a colaboración da artista contemporánea coa artesá María Sieira Velo, unha das poucas mulleres que, continuando coa tradición familiar, segue a elaborar os sombreiros sancosmeiros, moi utilizados na contorna rural para a protección do sol e da choiva.

Acompañada de Beatriz González Loroño, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira apuntou ás Torres Hejduk como o escenario máis axeitado para esta conxunción, ao presentarse como un espazo de arte non convencional que obriga ao artista a repensar o espazo e as súas creacións. Desde a apertura do complexo deseñado por Peter Eisenman, polas Hejduk xa pasaron artistas do talle de Pamen Pereira, Ana Soler ou Ramón Conde e novos valores como Félix Fernández, Alejandra Sampedro ou os participantes no Encontro de Artistas Novos.

A costura como reconstrución da memoria
Pola súa banda, Sonia Navarro vinculou toda a súa traxectoria artística coa tradición téxtil e asegurou que afronta a costura como un acto de curación que simboliza un punto de encontro para a reconstrución da memoria.

Así, a creadora propón vestir as Torres Hejduk cos seus ‘vestidos-gaiolas’, estruturas esquemáticas que debuxan figuras femininas. O seu proxecto baséase na repetición deste elemento unitario, dando lugar a doce estruturas: once na torre transparente e unha na opaca. Estas estruturas, cuxa silueta se asemella á das propias torres, aparecen distorsionadas como a imaxe do corpo fragmentado, sen brazos e con pescozos alongados, actuando como metáfora de constricións sociais e patróns establecidos.

Sonia Navarro busca así un enfrontamento de contrarios, xa que por un lado “ispe” as gaiolas, desposuíndoas de todo elemento superficial, fala do silencio encerrado que simboliza un desexo de liberdade e de desfacer ataduras co pasado. Polo outro, na torre opaca, propón vestir a gaiola recorrendo a técnicas artesanais empregadas na indumentaria tradicional galega como poden ser as usadas na realización dos sancosmeiros, feitos con palla de centeo trenzada. Para iso, Navarro traballou conxuntamente coa artesá María Sieira Velo, unha das poucas mulleres que continúa con esta tradición familiar na Serra de Outes.

‘Quefaceres e equilibrios’ está comisariada por Susana González, pode visitarse libremente todos os días, de 10 a 20 horas, e como todas as actividades culturais da Cidade da Cultura conta co apoio económico do Fondo Gaiás da Empresa Galega.

Artista plástica
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Granada, Sonia Navarro (Murcia, 1975) conta cun Master en Fotografía en Efti. A partir de 1999 realiza diversos obradoiros de artes plásticas con artistas como Juan Genovés, Alfonso Albacete, Mitsuo Miura, Juan Uslé ou Concha Jerez. Obtén numerosas bolsas entre as que hai que destacar a Bolsa de Artes Plásticas do Ministerio de Cultura-Centro de España en París e a bolsa da Real Academia de España en Roma do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Desde o ano 2000 participa en Arco de forma ininterrompida coa Galería T20, ademais de en numerosas feiras nacionais e internacionais como Next Chicago, Volta Basilea, Maco Mexico, Artisima Torino, SP Arte, Sao Paulo ou Pulse Miami. Tamén realiza exposicións individuais en galerías nacionais como T20 (Murcia), Mas Art (Barcelona), Ad Hoc (Vigo) e en salas institucionais como Espacio AV de Murcia e galerías internacionais como Ybakatu, Curitiba Brasil e Galería Pedro Oliveira de Oporto, ademais da exposición individual na Cité de Paris.

Comparte