Nova: A capital arxentina conmemora Buenos Aires Celebra Galicia
23/04/2016
A capital arxentina conmemora Buenos Aires Celebra Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Feijoo, salienta que a celebración desta festividade na avenida de Maio simboliza ese outro Camiño de Santiago que une a capital arxentina con Galicia
Refírese a Buenos Aires celebra Galicia como a proba de que “Galicia é única, separada simplemente por un océano. Que a Galicia uruguaia, arxentina, mexicana, venezolana... sinte o mesmo que sentimos dentro do territorio e das provincias; que esa Galicia universal que construímos, esa Galicia da tolerancia e da cordialidade habita nas principais cidades de América”
Incide en que a Galicia única, “a Galicia que estamos construíndo é esa Galicia universal á que todos pertencemos e na que todos nos sentimos copartícipes”
O titular da Xunta finalizou a xornada dando un paseo pola avenida de Maio, onde visitou os stands das entidades galegas
- Declaracións do presidente da Xunta sobre 'Bos Aires Celebra Galicia'
Bos Aires (Arxentina), 23 de abril de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á galeguidade como a proba de que a convivencia e a integración do diferente é posible, “de que é posible e necesario mesturar costumes e formas de ser”. “O galego é español, europeo, americano”, dixo, ao que engadiu que Galicia nace como compendio de culturas, e Arxentina e Buenos Aires crecen grazas á achega de culturas que se mesturan.
Durante a celebración da festividade Buenos Aires Celebra Galicia, que tivo lugar na avenida de Maio da capital arxentina e na que a colectividade galega foi a principal protagonista, Feijóo afirmou que, se ben pode parecer que Galicia é unha rexión pequena, “se unimos todas as Galicias, contamos cunha terra vasta e variada. Chegamos a todas as partes do mundo conquistando corazóns e deixándonos conquistar”, aseverou, facendo fincapé en que os galegos non están en Buenos Aires; son tamén Buenos Aires.
Así mesmo, lembrou que non necesitamos buscar fóra exemplos de recuperación porque, xunto ao seu lado tráxico, a emigración conseguiu demostrarnos a nós mesmos o que somos capaces; que sabemos traballar, emprender, cooperar, triunfar e levantarnos cando caemos.
Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico salientou que a celebración desta festividade na avenida de Maio simboliza ese outro Camiño de Santiago que une Buenos Aires con Galicia. E, nesta liña afirmou que neste Camiño sucede o mesmo que naquel outro que unía Compostela con Europa: “Os peregrinos antigos iniciaban a camiñada sendo franceses, alemáns ou italianos, pero tras varios días de marcha mesturaban os seus idiomas, adoptaban outros costumes e achegaban a outros ideas e iniciativas. O peregrino conservaba a súa nacionalidade, pero adquiría novas identidades. E en Buenos Aires ninguén se sentiu forasteiro. As innumerables comunidades que existen nesta urbe non coexisten, conviven”, precisou, incidindo en que se é unha das cidades con máis importancia do mundo, débese a súa hospitalidade.
Unha Galicia universal, única e na que todos nos sentimos copartícipes
O titular da Xunta aseverou que coa celebración desta xornada ponse de manifesto a transcendencia da galeguidade e do noso país. “Estamos a vivir unha xornada onde comprobamos que Galicia é única, separada simplemente por un océano. Que a Galicia uruguaia, arxentina, mexicana, venezolana... sinte o mesmo que sentimos dentro do territorio e das provincias; que esa Galicia universal que construímos, esa Galicia da tolerancia e da cordialidade habita nas principais cidades de América e de Hispanoamérica, neste caso”, dixo, incidindo en que “esa expresión de compromiso con Galicia, mantendo o compromiso con Arxentina, é unha expresión de universalidade do noso carácter e da nosa cultura”.
Neste contexto, subliñou que Buenos Aires celebra Galicia é a proba do que senten os galegos que viven en Arxentina: “Orgullos do que son, das súas orixes e que queren ser arxentinos e españois, sen abandonar en ningún caso este sentimento de galeguidade”.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que “a Galicia única, a Galicia que estamos construíndo é esa Galicia universal á que todos pertencemos e na que todos nos sentimos copartícipes”.
Acompañado polo embaixador de España en Arxentina, Estanislao de Grandes Pascual, o presidente da Xunta finalizou a xornada dando un paseo pola avenida de Maio, onde visitou os stands das entidades galegas.