Nova: Preestréase O milagre de Ferrol, documental histórico sobre a construción naval

17/03/2016

Preestréase O milagre de Ferrol, documental histórico sobre a construción naval

O museo Exponav acolle a primeira proxección pública deste filme do director Rogelio Abraldes, producido xunto a Televisión de Galicia

Unha vintena de institucións e expertos colaboraron na realización deste traballo, que ofrece un percorrido pola industria naval española desde o século XVIII tomando como referencia os estaleiros ferroláns
 

  • Jacobo Sutil participou esta mañá na presentación do filme Jacobo Sutil participou esta mañá na presentación do filme
  • Jacobo Sutil participou esta mañá na presentación do filme Jacobo Sutil participou esta mañá na presentación do filme

Ferrol, 17 de marzo de 2016.- A produtora galega Zenit Televisión preestrea esta tarde no Museo de Construción Naval (Exponav) ferrolán o seu documental ‘O milagre de Ferrol. Unha historia da construción naval’, producido xunto a Televisión de Galicia e subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Rogelio Abraldes é o realizador desta fita, que reúne materiais gráficos, fílmicos e bibliográficos procedentes dunha decena de institucións, ademais de contar coas achegas de diferentes especialistas en historia naval.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación do filme aos medios de comunicación xunto con Jorge Suárez, alcalde de Ferrol; Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura; Zaza Ceballos, de Zenit Televisión e produtora executiva do documental; e Javier Romero Caramelo, almirante do Arsenal de Ferrol.

O ‘Milagre de Ferrol’, que comezou a súa produción en 2011, contou co apoio económico da Agadic a través da convocatoria de subvencións ao desenvolvemento de proxectos (10.000 euros) e á producións audiovisuais (30.700 euros). En 2013 foi galardoada co Premio Luís Tilve á Investigación e Divulgación Histórica.

Na súa intervención, Sutil incidiu na relevancia do tema abordado na fita (a construción naval como actividade ligada intimamente á cidade desde hai tres séculos), que identifica e determina unha parte importante da vida e da sociedade de toda Ferrolterra. Así mesmo, puxo en relación o apoxeo do sector naval galego no comezo do século XX cos inicios do cinema en Galicia. “Hai dúas semanas –explicou– celebrabamos en Pontevedra o centenario de ‘Miss Ledyia’, película estreada en marzo de 1916 e considerada a primeira ficción cinematográfica galega; e nalgúns anos anteriores están datadas as primeiras fitas que chegaron ata nós. Moitas delas corresponden, precisamente, ás botaduras dos buques militares que se construían na época”.

Colaboración do CGAI
Así se deixa constancia neste documental, no que se recollen estas primeiras gravacións nos estaleiros, datadas a partir de 1913 e conservadas no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), unha das entidades que cedeu materiais do seu arquivo para esta produción. Tamén colaboraron o Concello de Ferrol, as bibliotecas das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, o Museo de Construción Naval de Ferrol, os museos navais de Ferrol e de Madrid, o Ateneo Ferrolán e Navantia.

Entre o material gráfico achegado por estas institucións, atópanse tamén os planos e bosquexos da cidade en diversas fases de crecemento e dos seus primeiros arsenais, modelos a gran escala da maioría dos barcos construídos, imaxes da Guerra de Cuba e doutras batallas navais, ademais de todas as fotografías e gravados que se conservan dos estaleiros e do arsenal ferrolán, as primeiras delas datadas en 1858.

‘O milagre de Ferrol’ nútrese, ademais, dos coñecementos dunha decena de especialistas que interviñeron na súa gravación, entre os que se atopa Guillermo Escrigas, historiador e director do CGAI.

As gravacións nas instalacións navais ferrolás (que conservan edificacións construídas nos séculos XVIII, XIX e XX), no Museo Naval de Madrid, a Exponav, o Teatro Jofre ou o Museo Naval de Ferrol completan o abano visual da película, que recupera a memoria do esforzo empresarial e laboral que situou estes estaleiros como referencia a nivel mundial na época en que chegaron a empregar máis de 12.000 traballadores.

Do século XVIII a Navantia
Este percorrido histórico parte do século XVIII, cando Ferrol se converte nunha cidade cosmopolita á europea grazas ao desenvolvemento deste sector, para abordar a posterior decadencia a primeiros do XIX, o renacer coa Revolución Industrial, os efectos das guerras do século XX, a posta en marcha de Bazán tras a Guerra Civil e, por último, a refundación dos estaleiros como Navantia. Todo isto sen esquecer o punto de vista dos traballadores, aos que se homenaxea como artífices da continuidade desta historia a través do tempo.
 

Comparte