Nova: O Premio Nortear promove a escrita entre a mocidade galega e portuguesa cunha nova edición

11/02/2016

O Premio Nortear promove a escrita entre a mocidade galega e portuguesa cunha nova edición

Lara Dopazo, gañadora en 2015, recibiu hoxe o galardón do certame, que incentiva a creación literaria entre os escritores novos e o diálogo entre as culturas galega e portuguesa

A Xunta, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea para a Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal organizan este premio de relato curto, dotado con 2.000 euros e a publicación da obra gañadora

  • Anxo Lorenzo na entrega do premio Anxo Lorenzo na entrega do premio
  • Anxo Lorenzo na entrega do premio Anxo Lorenzo na entrega do premio
  • Anxo Lorenzo na entrega do premio Anxo Lorenzo na entrega do premio
  • Anxo Lorenzo na entrega do premio Anxo Lorenzo na entrega do premio

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea para a Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal vén de convocar a segunda edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do norte de Portugal, dotado economicamente con 2.000 euros e coa publicación da obra gañadora en versión bilingüe, galego e portugués.

Incentivar a creatividade literaria entre os escritores e escritoras de ambos os territorios, promover a produción de obras no ámbito da ficción e favorecer a distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal son os principais obxectivos deste certame de relato curto.

Entrega de premios
A segunda edición do premio foi presentada esta mañá, na Cidade da Cultura de Galicia, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo responsable da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, António Ponte; e mais pola directora da AECT, Maria Geraldes, que tamén foron os encargados de lle entregar o diploma acreditativo a Lara Dopazo, gañadora da primeira edición do certame coa obra ‘Clementina’. Na primeira edición o xurado tamén lle concedeu unha mención de honra a João Maria Cardoso  polo traballo ‘Coração cheio de nada’.

Novo impulso á creación
En palabras de Anxo Lorenzo, “o nacemento en 2015 deste certame literario supuxo un novo impulso á promoción dos nosos escritores e escritoras emerxentes e tamén un paso adiante na aposta por incentivar a creación de obras inéditas, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, nomeadamente de relato curto”. “Constitúe, así mesmo –dixo– unha ponte para tender novos lazos entre Galicia e o país veciño, para favorecer o diálogo fluído entre dúas culturas irmás e para acadarmos unha maior circulación de obras galegas e portuguesas aos dous lados do Miño”.

O xurado da primeira edición do premio, constituído pola directora da AECT, Maria Geraldes, que participou como presidenta; polos escritores galegos Ledicia Costas e Carlos Arias; e polo editor executivo de Edita-me Editora, Carlos Lopes, destacou da obra de Lara Dopazo, ‘Clementina’, a beleza da historia, a través do uso marcadamente literario e persoal da linguaxe, do dominio seguro e orixinal da técnica narrativa e do ritmo da obra, acompañado de dimensión lírica.

Prazo de presentación de orixinais
O certame Nortear está dirixido a persoas nacidas e/ou empadroadas na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, que poderán presentar as súas obras inéditas, de entre 5.000 e 8.000 palabras. O prazo para participar nesta segunda edición do premio está aberto ata o vindeiro 15 de xullo de 2016. Na páxina web de Cultura, en cultura.gal, poden consultarse as bases completas da convocatoria.

Cooperación institucional
O titular da Secretaría Xeral de Cultura recordou tamén no acto que o premio naceu ao abeiro do memorando en materia de cultura asinado en 2015 entre as tres institucións referidas, co fin de potenciar a creatividade, a promoción e a visibilidade de proxectos culturais comúns entre Galicia e o norte de Portugal.

Froito desta colaboración realizáronse en 2015, xunto co premio literario, proxectos expositivos para dar a coñecer creadores galegos en Portugal e creadores portugueses en Galicia, o ciclo de conversas Nortear, que ofreceu na súa primeira edición dous encontros entre escritores galegos e mais portugueses, e o intercambio de fondos bibliográficos destinados a nutrir a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, instalada na Casa Allen, en Porto.
 

Comparte