Nova: Mónica Inés Varela recibe o Premio Arume de Poesía por Soños de nenos

24/01/2016

Mónica Inés Varela recibe o Premio Arume de Poesía por Soños de nenos

Conta cunha dotación de 600 euros á que se lle engade a publicación da obra gañadora

Vila de Cruces (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu ao acto de entrega do Premio Arume de Poesía que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Celebrada no Centro Cultural de Gres, no Concello de Vila de Cruces, esta oitava edición do certame contou cunha docente como gañadora: Mónica Inés Varela Gestoso, profesora no IES García Barros da Estrada.

‘Soños de nenos’, a obra coa que se alzou como triunfadora, é –en palabras do xurado- ‘un poemario de versificación áxil e luminosas imaxes, todo un mundo de elementos tenros e marabillosos, tecidos por unha persoa que denota un perfecto coñecemento da alma infantil. A súa lectura pode facilitar un primeiro contacto coa lírica e ofrecerlles aos mestres un valioso recurso educativo’.

Como recompensa, a gañadora obtivo un premio que é dobre: 600€ de dotación económica e a publicación de ‘Soños de neno” en Edicións Embora.

O Premio Arume de Poesía convócase cada dous anos, en alternancia co Premio Estornela de Teatro –tamén promovido desde a Fundación Xosé Neira Vilas-. Nos dous casos son traballos dirixidos a nenos/-as, pero escritos por adultos.

Tal e como indican as bases do Premio Arume, este galardón convócase ‘co propósito de estimular a creación poética e de achegarlles ás nenas e aos nenos o fermoso mundo da lírica’.

Desenvolvemento do acto
O evento contou coa presentación de Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, quen foi introducindo os distintos participantes. O primeiro foi Fernando Redondo Neira, profesor na Universidade de Santiago e sobriño do recentemente falecido Xosé Neira Vilas, que ofreceu un perfil do autor. Continuou Juan Andrés Fernández Castro, integrante do padroado da Fundación, quen destacou a importancia deste premio no mundo rural. Acto seguido, fallouse o premio na voz de Rosalía Morlán, tamén integrante do padroado e secretaria do xurado, e fíxose entrega do mesmo a Mónica Inés Varela.

Logo do acto central, foi o momento para o recital poético, no que nenos e nenas da comarca leron poemas incluídos no traballo gañador; e interviron Antonio Crespo Iglesias, director xeral de Medio Rural; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Jesús Otero, alcalde de Vila de Cruces. Valentín García gabou ‘a calidade literaria da autora no seu poemario e a importancia da creación en galego feita por autoras e autores de relevancia e orientada aos lectores máis novos; así foi como Neira Vilas e Anisia concibiron este certame’. García lembrou tamén ‘a fortaleza da que goza o certame, agora que xa non están eles, grazas á Fundación Xosé Neira Vilas’. Como peche da xornada, actuou o cantautor Manoele de Felisa.

Comparte