Nova: Lara Dopazo Ruibal gaña a primeira edición do Premio Literario Nortear coa obra Clementina

28/12/2015

Lara Dopazo Ruibal gaña a primeira edición do Premio Literario Nortear coa obra Clementina

O xurado concedeulle unha mención de honra ao traballo ‘Coração cheio de nada’, de João Maria Cardoso, que concorreu ao certame xunto cun total de 60 obras

A Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal promoven o certame para incentivar a creación literaria entre a mocidade galega e do norte de Portugal, así como o intercambio cultural entre os dous territorios

 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2015.- A obra ‘Clementina’, de Lara Dopazo Ruibal, fíxose coa primeira edición do premio literario Nortear, un certame promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) que ten como principal obxectivo incentivar a creatividade da mocidade escritora de Galicia e do norte do país veciño.

O xurado, constituído pola directora da AECT, Maria Geraldes, que participou como presidenta; polos escritores galegos Ledicia Costas e Carlos Arias; e polo editor executivo de Edita-me Editora, Carlos Lopes, destacou a beleza da historia, a través do uso marcadamente literario e persoal da linguaxe, do dominio seguro e orixinal da técnica narrativa e do ritmo da obra, acompañado de dimensión lírica.

Xunto con este premio, dotado con 2.000 euros, o xurado tamén decidiu concederlle unha mención de honra pola súa calidade á obra ‘Coração cheio de nada’, da autoría de João Maria Cardoso.

Un total de 60 traballos concorreron á primeira edición deste certame, dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 36 anos, nacidos ou empadroados na rexión norte de Portugal ou en Galicia, con obras literarias orixinais e inéditas escritas en lingua galega ou portuguesa, que se encadren no xénero narrativo, no subxénero do conto.

Proxectos culturais comúns entre Galicia e Portugal
O certame literario Nortear –que nace cos obxectivos de promover a aparición de novos escritores e escritoras, de estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e de favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal– enmárcase no memorando asinado o pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro, entre a consellería, a dirección rexional e a agrupación europea, coa finalidade de potenciar a creatividade, a promoción e a visibilidade de proxectos culturais comúns entre Galicia e o norte de Portugal.

O diálogo literario entre Galicia e Portugal tamén se intensificou este ano coa iniciativa Conversas Nortear, que ofreceu na súa primeira edición dous encontros entre escritores galegos e mais portugueses, o 22 de novembro en Santiago de Compostela con Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira, e o 7 de decembro con Ana Luísa Amaral e Ramón Caride no Porto.

Intercambio de fondos bibliográficos
Froito do memorando, tamén se materializou o intercambio de fondos bibliográficos destinados a nutrir a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, instalada na Casa Allen, en Porto, onde tivo lugar a rolda de prensa de presentación do certame. En total, a Xunta de Galicia realizou unha doazón de 170 volumes para poñer ao dispor da cidadanía portuguesa obras en lingua galega.

Fotógrafos portugueses expoñen na Casa da Parra
O intercambio expositivo é outra das iniciativas que viron a luz este ano ao abeiro do memorando. Por unha banda, esta iniciativa trouxo a Galicia a exposición ‘Oito espazos para sete miradas’, unha mostra fotográfica con imaxes de autores e autoras lusos arredor do patrimonio catedralicio que se pode visitar ata o próximo 20 de xaneiro na Casa da Parra. Por outra banda, a iniciativa levou a Portugal a mostra ‘Santiago cidade ilustrada’, que reúne ata o 22 de xaneiro no mosteiro de Tibães, en Braga, debuxos e ilustracións de artistas internacionais e galegos como Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, David Pintor e Fran Bueno.

Comparte