Nova: Feijóo destaca a vocación da exposición ‘On the road’ de reactivar os Camiños de Santiago como un extraordinario foco de creación artística desde a óptica rompedora de San Francisco de Asís

27/06/2014

Feijóo destaca a vocación da exposición ‘On the road’ de reactivar os Camiños de Santiago como un extraordinario foco de creación artística desde a óptica rompedora de San Francisco de Asís

Salienta que a exposición a compoñen 44 obras de 35 artistas contemporáneos de prestixio internacional que propoñen unha ollada actual sobre a peregrinación franciscana, repensan o universo do santo e revelan as súas conexións culturais co presente

Destaca que as conviccións de San Francisco sobre a dignidade humana na pobreza, a autenticidade ou a relación coa natureza son as claves desta mostra, un conxunto amplo de formatos, que comprende obras específicas e a adaptación doutras

Sinala que entre a escolma de obras de alto nivel realizada pola comisaria Gloria Moure figuran as realizadas por algúns dos artistas galegos de maior proxección internacional, como Jorge Barbi ou Antón Lamazares

Sinala que a mostra se concibe como unha “experiencia” para o visitante, que debe ser un peregrino que transite polas rúas de Compostela, descubrindo a cada paso a experiencia camiñante e os lugares emblemáticos para a arte e a cultura da cidade

Asegura que coa rehabilitación do Pazo de Xelmírez, unha xoia da arquitectura medieval, a tradición franciscana suma un novo elemento ao seu patrimonio

Móstrase convencido de que ‘On the road’ será estes meses unha parada ineludible para os que visiten Galicia e Compostela, cando non un motivo en si mesmo para achegarse á cidade

  • Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta
  • O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road' O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road'
  • O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road' O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road'
  • O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road' O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road'
  • O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road' O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road'
  • O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road' O presidente da Xunta inaugurou a exposición 'On the road'

Santiago, 27 de xuño de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a vocación da exposición ‘On the road’ de “reactivar a dimensión dos camiños de Santiago como un extraordinario foco de creación artística e de facelo, ademais, desde a óptica rompedora de San Francisco”. Explicou que esta é a mostra central da programación do VIII Cententario da Peregrinación de San Francisco a Compostela, un acontecemento que busca pór en valor o inmenso patrimonio histórico da cultura franciscana e o Camiño, pero, sobre todo, reivindicar ambos feitos como “extraordinariamente vivos”.

Durante o acto de inauguración,  no Pazo de Xelmírez, da exposición, que tamén ocupa a Igrexa de San Domingo de Bonaval e o cemiterio e o parque anexos, o titular do Goberno galego sinalou que as 44 obras que a compoñen, asinadas por 35 artistas contemporáneos de prestixio, propoñen unha ollada actual sobre a peregrinación franciscana a Compostela, convidan a repensar o universo do santo de Asís desde o presente e revelan as súas conexións culturais cos nosos días.

Lembrou que San Francisco é unha figura clave da humanidade que desafiou ás forzas hexemónicas da súa época e que se converteu en referente da contracultura e da ecoloxía polas súas respostas inéditas e iconoclastas. Así, Feijóo asegurou que o Camiño de Santiago lle proporcionou o mellor molde para encaixar as súas conviccións, relacionadas coa autenticidade, coa dignidade humana que reside na pobreza ou coa unión do home e a natureza.

“Foi un camiñante desposuído de bens materiais que atopou no Camiño unha vía de coñecemento, e na condición paisaxística a auténtica condición humana”, afirmou o presidente da Xunta.

No seu discurso apuntou que esas claves do pensamento franciscano forman o código co que a exposición ‘On the road’ pretende, non só observar dun modo diverso o noso pasado, senón tamén ofrecer lecturas alternativas e provocadoras para o momento presente. Segundo asegurou, todos eses valores da cultura de San Francisco están, parcial ou conxuntamente, nas obras seleccionadas pola comisaria, Gloria Moure, que permanecerán expostas en Santiago ata o vindeiro mes de novembro.

Alberto Núñez Feijóo detallou que a mostra contén propostas creadas especificamente para a ocasión, como as que achegan Francis Alÿs, Tacita Dean ou Jimmy Durham; así como obras de recoñecidos artistas, como John Cage, Mario Merz ou Antthony McCall que se adaptan ao proxecto expositivo e que, dada a singularidade do contorno, adquiren unha nova dimensión expresiva. Trátase en todos os casos, engadiu, de creadores de alto nivel, entre os que se atopa unha representación dalgúns dos artistas glaegos de maior proxección internacional, como Jorge Barbi e Antón Lamazares.

O titular da Xunta explicou que a exposición ofrece “un conxunto amplo de formatos atísticos”, que abrangue a pintura, a escultura, a fotografía, a instalación, o vídeo e o filme, así como unha publicación específica e intervencións no espazo urbano.

A exposición como experiencia peregrina
Así mesmo, remarcou que, como revelan o seu nome e a súa disposición espacial, a mostra concíbese “máis como experiencia que como realidade estática que agarda ser contemplada”, de tal xeito que, sinalou, “o espectador debe ser un peregrino que transita polas rúas de Compostela, descubrindo a cada paso a experiencia camiñante e os lugares emblemáticos para a arte e a cultura da cidade”.

Un deles é o Pazo de Xelmírez, rehabilitado e acondicionado para a ocasión, un gran legado medieval, en gran parte oculto ata a actualidade, e que desde agora se suma, con tres plantas practicables, ao gran conxunto patrimonial da tradición franciscana. O presidente galego subliñou que a recuperación desde edificio fai posible situar a mostra no punto máis senlleiro da cidade e do fenómeno xacobeo, na praza do Obradoiro. Así, dixo, “’On the road’ non será un evento efémero, senón que deixa como pegada a apertura para a cidade e para os seus visitantes dunha obra de arte da arquitectura civil”.

Xunto con isto, destacou que os vistantes poderán contemplar na Igrexa de Bonaval un grupo de obras adaptadas especialmente para ese espazo e, ademais, apreciar as instalacións ideadas para o cemiterio e o parque contiguos.

Feijóo mostrouse convencido de que ‘On the road’ será estes meses unha parada ineludible para os que visiten Galicia e Compostela, cando non un motivo en si mesmo para achegarse á cidade.

O mandatario autonómico agradeceu a colaboraión das entidades e coleccionistas que fixeron posible a mostra, asi como a impliación dos axentes involucrados na tarefa de converter o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Compostela nun gran acontecemento de alcance internacional. Nun momento, afirmou, no que administracións públicas e axentes privados traballamos conxuntamente por consolidar en Galicia unha oferta turística diversa, innovadora e de calidade, “eventos como o que hoxe presentamos deben ser interpretados como un gran paso adiante e un éxito colectivo”.

Comparte