Nova: Oito novos bolseiros incorpóranse como investigadores ao Centro Ramón Piñeiro

24/11/2015

Oito novos bolseiros incorpóranse como investigadores ao Centro Ramón Piñeiro

Os seleccionados centrarán a súa actividade de traballo en diversos ámbitos da lingua e da cultura galegas

  • O secretario xeral de Política Lingüística visitou este martes aos oito novos bolseiros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) O secretario xeral de Política Lingüística visitou este martes aos oito novos bolseiros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH)
  • O secretario xeral de Política Lingüística visitou este martes aos oito novos bolseiros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) O secretario xeral de Política Lingüística visitou este martes aos oito novos bolseiros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH)

Santiago, 24 de novembro de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística visitou este martes aos oito novos bolseiros do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). Valentín García deulles deste xeito, no nome da Xunta de Galicia, a benvida a estes novos investigadores da lingüística, a literatura, a historia e mais a antropoloxía ao redor da lingua galega.

Estas oito bolsas supoñen a reafirmación do compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria neste eido, co obxectivo de avanzar na normalización da lingua propia de Galicia e de promover o seu uso en todos os ámbitos profesionais e sociais.
Os seleccionados e os seus ámbitos de traballo son:
1) ANA OROL GONZÁLEZ (Etiquetadora/lematizadora do galego actual –Corga/Xiada-)
2) JOEL VARELA RODRÍGUEZ (‘Corpus Documentale Latinum Gallaeciae’ –Codolga-)
3) MARÍA LUZ VARELA ARMAS (Bibliografía informatizada da lingua galega –Bilega-)
4) MARÍA ALONSO ALONSO (Terminoloxía científico-técnica)
5) VERÓNICA POUSADA PARDO (Informes de literatura)
6) LAURA PIÑEIRO PAIS (Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos)
7) CARMEN DE SANTIAGO GÓMEZ (Lírica profana galego-portuguesa)
8) ADRIÁN GARCÍA ALONSO (Dimensións da identidade colectiva en Galicia)

As bolseiras e bolseiros desenvolverán o seu labor no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ata novembro de 2017, o que supón unha oportunidade para que o estudantado titulado das universidades poida comezar a súa actividade no terreo da investigación.

Durante este tempo, cada un destes investigadores verá remunerado o seu traballo con case 1000 € ao mes.

A convocatoria das oito bolsas fíxose por unha Orde do pasado 2 de xullo que se resolveu o 28 de outubro.

No peche do acto o secretario xeral de Política Lingüística subliñou a ‘transversalidade’ do traballo dos novos bolseiros e lembroulles que Ramón Piñeiro (quen dá nome ao Centro de Investigación) foi un verdadeiro ‘prócer’ de Galicia.

Traxectoria do CRPIH
O CRPIH destaca pola relevancia dos seus proxectos e mais pola súa contribución á formación investigadora. Desde a súa creación, hai 22 anos, pasaron por este centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística 445 investigadores/as diferentes: 308 bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos proxectos do Piñeiro e outros 137 bolseiros e bolseiras de diversos países do mundo que estiveron un semestre desenvolvendo traballos de investigación propios asesorados polos directores de proxectos semellantes aos seus. Moitos destes bolseiros son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio, e -desde os seus postos actuais- continúan a ofrecer importantes achegas ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

Actualmente, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten en marcha un total de 20 proxectos de investigación, fundamentalmente nas áreas lingüística e literaria.

Na de lingua, avánzase no Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), no CoToVía, na Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), no ‘Corpus Documentale Latinum Gallaeciae’ (CODOLGA) ou na liña de investigación de fraseoloxía galega.

Na área de literatura, hai proxectos orientados á literatura medieval, coma o Arquivo Galicia Medieval, e outros dirixidos ao estudo da literatura galega contemporánea, coma o de Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os Cadernos Ramón Piñeiro. Ademais, desenvólvese o proxecto antropolóxico Dimensión da identidade colectiva de Galicia e prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia política.

Comparte