Nova: A Xunta destaca a bagaxe dos gobernos rexionais na protección do patrimonio e ofrece colaboración na loita contra a destrución e o tráfico ilícito destes bens
24/11/2015
A Xunta destaca a bagaxe dos gobernos rexionais na protección do patrimonio e ofrece colaboración na loita contra a destrución e o tráfico ilícito destes bens
Na segunda sesión do Consello de Ministros da Unión Europea, o conselleiro de Cultura tomou a palabra en representación de todas as comunidades de España para poñer en valor os coñecementos das autonomías neste eido
O Goberno galego vén de aprobar a nova Lei do Patrimonio Cultural, que avanza na protección e salvagarda dos bens á vez que favorece a axilidade na xestión administrativa
Santiago, 24 de novembro de 2015.- Na segunda sesión do Consello de Ministros da Unión Europea en materia de Educación, Xuventude, Cultura e Deporte, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tomou a palabra en representación de todas as comunidades autónomas de España co fin de abordar a posibilidade de acometer accións conxuntas contra a destrución e o tráfico ilícito do patrimonio cultural en zonas de conflito.
Na súa intervención, compartida co ministro Íñigo Méndez de Vigo e realizada en galego con tradución simultánea, Román Rodríguez afirmou que “a preservación do patrimonio debe ser un principio inspirador de todas as políticas e de todos os territorios. Alí onde o conflito busque eco coa súa destrución, Europa debe liderar unha resposta rápida”.
Neste sentido, o conselleiro ofreceu a colaboración dos gobernos rexionais nesta actuación, posto que estes “teñen competencias substantivas en materia de patrimonio cultural”. “Contamos xa –proseguiu– con coñecementos, bagaxe, profesionais e medios técnicos que permiten desenvolven un labor cotián no ámbito da protección e da conservación. Isto permítenos ofrecer colaboración e incluso, desde a lealdade institucional, reclamar participación conxunta, coordinada e transversal”, sinalou.
Nova normativa autonómica
De feito, o Goberno galego vén de aprobar o proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, unha normativa que garante a máxima protección e control dos bens e, ao mesmo tempo, favorece a axilidade na xestión administrativa. Nela quedan regulados novos tipos de patrimonio e apóstase por unha maior implicación dos concellos na salvagarda dos bens, a través de habilitacións voluntarias para acometer intervencións en determinados casos.
Apoio ao Ano Europeo do Patrimonio Cultural
Neste contexto, e a preguntas a posteriori dos medios de comunicación, Román Rodríguez salientou o “gran vencello entre as liñas mestras que se traballaron hoxe e os principios orientadores da nosa Lei do Patrimonio”. Así mesmo, tamén manifestou o apoio para o impulso, por parte da Unión Europea, do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
Fronte a esta problemática da destrución e o espolio do patrimonio cultural, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia propuxo traballar na prevención e no control. Tal e como explicou, “en canto á prevención: a educación, a sensibilización e a formación técnica e especializada de todos os axentes implicados debe ser o punto de partida. En materia de control, seguiría sendo fundamental que os estados asuman o control das súas fronteiras e servizos aduaneiros e a coordinación con entidades estatais ou supraestatais e extracomunitarias”.