Nova: Xesus Vázquez Abad asiste ao nomeamento dos Xuíces Honorarios do Couto Mixto na igrexa de Santiago de Rubiás, en Ourense

05/07/2014

Xesus Vázquez Abad asiste ao nomeamento dos Xuíces Honorarios do Couto Mixto na igrexa de Santiago de Rubiás, en Ourense

O conselleiro salientou “o don especial que lles permitiu aos habitantes da comarca xestionar os seus propios destinos” e destacou as intervencións para recuperar o patrimonio material do lugar por parte da Xunta

Eixo Atlántico, Escola Gallaecia e Eguileta Franco son as figuras condecoradas este ano pola Asociación de Amigos do Couto Mixto (AACM)

Calvos de Randín (Ourense), 5 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acudiu hoxe ao acto que elixe aos Xuíces Honorarios do Couto do Mixto en recoñecemento ao traballo en prol da memoria histórica un ano despois de ser el mesmo un dos distinguidos. No encontro salientou “o don especial que lles permitiu aos habitantes da comarca xestionar os seus propios destinos sabiamente e axustar os seus recursos ás súas necesidades”.

Xesús Vázquez, que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo fincapé no exemplo que supón para a Consellería de Cultura e Educación “esa base imprescindible na que a obra completa se apoia en pequenos grupos animados pola consciencia de que cada acto ten a súa consecuencia trascendental no colectivo” e recordou a implicación do departamento que dirixe mediante as intervencións para a recuperación do patrimonio da igrexa de Santiago de Rubiás.

Durante a celebración, como é tradición, os Homes de Acordo abriron a arca que simboliza o Couto Mixto coas tres chaves datadas do século XV para depositar a documentación xerada no último ano sobre este territorio. A continuación, os Xuíces Honorarios tomaron os atributos que se lles entregaron para facer oficial o seu nomeamento. Este 2014 o recoñecemento chegoulle ao traballo institucional do Eixo Atlántico e da Escola Superior Universitaria Gallaecia así como ao arqueólogo Xosé María Eguileta Franco.

Para amenizar a homenaxe, contouse coa actuación da fadista María do Ceo, que en si mesma reúne moitas das condicións e os símbolos do Couto Mixto: é unha cantante galego-portuguesa e, no seu día, xa foi recoñecida tamén co título de xuíz que se concede cada ano.

Recuperando o patrimonio
No atrio do templo de Santiago de Rubiás, antes Parlamento do Couto Mixto, foron atopadas unhas pinturas murais que supoñen unha xoia renacentista da arte galega. Trátase de doce pinturas de tamaño natural datadas entre os séculos XV e XVI que representan escenas de iconografía relixiosa cuxa restauración foi sufragada pola Consellería de Cultura e Educación e tivo un orzamento de 57.714 euros.

Con posterioridade, froito do estudio patrimonial, descubriuse que noutros espazos da igrexa existen numerosas manifestacións de interese artístico que debían ser obxecto de recuperación. Desta maneira, a consellería levou a cabo as obras de restauración da cuberta da sancristía por un valor de 7.860 euros.

A ‘república dos soños’
Dende o século XII e ata o Convenio de Lisboa de 1864, o Couto Mixto era un territorio con autonomía política e administrativa situado entre os actuais municipios de Baltar e Calvos de Randín, nos lugares de Santiago, Rubiás e Meaus. A orixinalidade da súa propia organización, independente das coroas portuguesa e española, fai que o escritor e membro da (AACM), Luís García Mañá, a defina como unha ‘república dos soños’. O Couto Mixto contaba cunha serie de privilexios e dereitos especiais entre os que destaca o referido á participación política, na que existía a acción popular directa e a posibilidade de cambiar aos representantes electos por parte dos electores en caso dun mal cumprimento no desempeño das funcións que posuían. Ademais, cómpre salientar asimesmo o uso da praza pública, antigamente chamada ‘ágora’, para a toma de decisións do goberno.

Chave da memoria histórica
A Asociación de Amigos do Couto Mixto fundouse en 1998 baixo a iniciativa dun grupo de persoas convocadas pola Fundación dos Premios da Crítica Galicia. A súa finalidade céntrase en recuperar a memoria histórica desta “república esquecida”. Dende o ano 2000, o Couto Mixto nomea anualmente aos Xuíces Honorarios entre aquelas personalidades ou institucións que destacan no seu labor cultural e etnográfico. En lembranza da figura xurídico-administrativa que rexía os destinos daquel pobo, fáiselle entrega aos galardoados dunha copia da chave do século XV que abre a simbólica arca do Couto Mixto, un bastón que representa a vara de mando e un diploma acreditativo.

A asociación, presidida por Luís Manuel García Mañá, leva nomeado Xuíces Honorarios a máis de corenta personaxes públicos e entidades, tales coma o propio Vázquez Abad, a asociación pedagóxica e cultural Ponte nas Ondas, os académicos Xosé Luís Méndez Ferrín e Francisco Fernández del Riego, os artistas María do Ceo e Carlos Núñez ou as universidades de Vigo e Trás-os-Montes (Portugal).
 

Comparte