Nova: Volve ao Gaiás o ciclo Nexos con dúas sesións xa en outono

23/09/2015

Volve ao Gaiás o ciclo Nexos con dúas sesións xa en outono

Regresa á Biblioteca de Galicia o 17 de outubro cunha sesión dedicada á literatura portuguesa no centenario da revista ‘Orpheu’, para a que xa está aberta a inscrición de balde

O ciclo de cultura contemporánea do Gaiás celebrará o 19 de decembro unha sesión centrada na revolución dixital e outras catro xa no 2016

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2015.- Volve a pórse en marcha no Gaiás, o vindeiro 17 de outubro, unha nova edición do ciclo de literatura e pensamento ‘Nexos. Ciclo de cultura contemporánea’, que busca establecer un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento.

A nova edición de ‘Nexos’, para a que xa está aberta a inscrición de balde en www.cidadedacultura.gal, inicia así unha nova andaina, con dúas sesións neste outono que comeza e outras catro nos primeiros meses do 2016. A Biblioteca e Arquivo de Galicia será o escenario desta cuarta edición, que mantén unha dinámica xa coñecida polo público da Cidade da Cultura: combinación de relatorios con actuacións artísticas que dean lugar a reflexións estimulantes desde un formato lúdico e orixinal. E como o obxectivo é ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, os asistentes están convidados tras a sesión a un viño por cortesía da bodega Martín Códax, facilitando así un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.

As dúas primeiras sesións deste Nexos 2015-2016 abordarán a literatura portuguesa do último século coincidindo co centenario da mítica revista ‘Orpheu’ e a revolución dixital da man dun dos seus maiores expertos: o ensaísta arxentino Carlos A. Escolari. Unha nova programación que conta coa colaboración do Instituto Camoes de Portugal e, unha vez máis, coa Rede Internacional de Universidades Lectoras.

Sesión infantil paralela
Como en todas as edicións anteriores, ‘Nexos’ terá unha sesión paralela para os máis pequenos –de 5 a 12 anos- baseada na tripla fórmula: ler (na que os nenos farán unha aproximación ao tema a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións, debate e intercambio de ideas).

O obxectivo é introducir aos máis pequenos na relación entre a literatura e os diferentes aspectos da vida, transmitindo a idea de que a través dos libros e da expresión artística podemos entender a realidade, transformala e mellorala.

Tres relatores na primeira sesión
A primeira sesión terá lugar o 17 de outubro a partir das 12 horas e estará dedicada á Literatura portuguesa despois da revista Orpheu.

Para esta sesión tan especial, Nexos contará con tres relatores: Antonio Cardiello, doutor en filosofía, investigador, editor e consultor da Casa Fernando Pessoa, que será o encargado de amosar o nacemento e acollida da revista Orpheu; Maria Martelo, profesora da Facultade de Letras da Universidade do Porto, investigadora, ensaísta e poeta, que nos achegará ao universo creativo e vital de Herberto Helder; e Lídia Jorge, un dos nomes máis relevantes da prosa portuguesa (condecorada en Portugal coa Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique e en Francia como Dama das Artes e das Letras), que falará da súa escrita e das súas lecturas.

Para completar esta primeira sesión, Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Santiago de Compostela lerá, nos intersticios, textos da revista ORPHEU, de Herberto Helder e de Lídia Jorge; e tras os relatorios proxectarase a curtametraxe “As deambulações do mensageiro alado” sobre a figura de Herberto Helder.

‘Nexos’ volverá ao Gaiás o 19 de decembro abordando unha temática totalmente distinta: ‘A revolución dixital e a nova Humanidade’. Para falar deste tema, a Biblioteca e Arquivo de Galicia contará coa presenza do investigador e ensaísta arxentino Carlos A. Escolari, que nos desvelará algunhas das claves deste fenómeno e dos seus controvertidos efectos na vida cotiá, na esfera social, no modelo económico e na organización política.

A actuación artística correrá por conta de Voltage Opposites, unha proposta onde a danza contemporánea converxe coa videocreación.

Comparte