Nova: Un cento de profesionais do audiovisual participan nas xornadas da Agapi sobre o modelo financeiro que abre a nova lei do cine
09/09/2015
Un cento de profesionais do audiovisual participan nas xornadas da Agapi sobre o modelo financeiro que abre a nova lei do cine
A directora xeral do ICAA avanzou en Compostela os requisitos e os criterios de valoración que se barallan para o próximo sistema de subvencións á produción cinematográfica
Santiago, 9 de setembro de 2015.- A xornada informativa 'O novo modelo audiovisual. Financiamento e distribución' reuniu en Santiago máis dun centenar de profesionais dedicados á produción de cinematográfica en Galicia, que participaron no encontro organizado pola Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) sobre o marco financeiro que se abre a partir da nova lei do cine.
As sesións, que terán continuidade mañá e que están a desenvolverse no edificio CINC da Cidade da Cultura, contan cunha subvención á actividade das asociacións profesionais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coa colaboración da Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (Egeda).
O director da Agadic, Jacobo Sutil, foi o encargado de inaugurar estas xornadas xunto con Lorena González, directora xeral do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ademais dos representantes dos principais colectivos do sector e das máis activas produtoras e distribuidoras audiovisuais galegas.
Pertinencia do encontro
Tanto Sutil como González incidiron na pertinencia da celebración do acto, xa que este ten lugar despois da aprobación da nova lei do cine por Real Decreto do Consello de Ministros e no momento no que se está a redactar o regulamento que a desenvolverá. Deste xeito, a directora do ICAA avanzou en Galicia os requisitos imprescindibles e criterios de valoración que se están a barallar para incluír no próximo sistema de subvencións á produción cinematográfica, para as que o Goberno central prevé destinar en 2016 un total de 30 millóns de euros repartidos en tres convocatorias anuais: febreiro, maio e setembro.
Lorena González atendeu, neste sentido, as achegas e suxestións realizadas polos profesionais galegos cara á configuración deste importante novo marco normativo, que suporá un cambio esencial no modelo de financiamento público respecto á anterior lei de 2007, ao substituír as actuais axudas á amortización (posteriores á produción e a partir do recadado en billeteira) por axudas anticipadas que se concederán antes do comezo das rodaxes.
Mesas redondas e conferencias
A xornada incluíu a mesa redonda sobre 'O papel do produtor ante os cambios previstos no modelo de cine', moderada por Chelo Loureiro, socia e produtora en Abano Producións, e na que participaron a produtora Emma Lustres (Vaca Films) e a secretaria xeral da Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles (FAPAE), Mabel Klimt. A última intervención correu a cargo do director xeral de CreaSGR, Rafael Lambea, cun relatorio titulado 'CreaSGR. Unión de audiovisual Aval SGR e finanzas e servizos SGR'.
O programa de mañá xoves arrancará ás 10.30 horas cunha conferencia de Marta Baldó, directora do Máster en Film Business da ESCAC e responsable de marketing da axencia WAW, quen falará sobre 'A importancia do plan de marketing'. O derradeiro relatorio será o impartido por Pedro Peira, produtor e distribuidor en Festimania Pictures, baixo o título 'O papel da distribución na produción de contidos'.