Nova: O patrimonio arqueolóxico de Tourón e a música de Leilía centran a primeira xornada de Monumenta 2015

26/08/2015

O patrimonio arqueolóxico de Tourón e a música de Leilía centran a primeira xornada de Monumenta 2015

O ciclo dinicia mañá, 27 de agosto, a súa terceira edición no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, que alberga un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia

As próximas citas deste programa de difusión do patrimonio restaurado xirarán, ata o 5 de setembro, arredor do gótico mariñeiro de Noia, do xacemento Aquis Querquennis de Bande e do templo lucense de Santalla de Bóveda de Mera

O cartel de grupos e artistas galegos complétano Odaiko, Talabarte Trío e Rodrigo Romaní

  • O ciclo Monumenta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a difusión do patrimonio restaurado bota a andar mañá xoves, 27 de agosto, a súa terceira edición cunha xornada centrada no xacemento arqueolóxico de Tourón. O ciclo Monumenta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a difusión do patrimonio restaurado bota a andar mañá xoves, 27 de agosto, a súa terceira edición cunha xornada centrada no xacemento arqueolóxico de Tourón.
  • O ciclo Monumenta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a difusión do patrimonio restaurado bota a andar mañá xoves, 27 de agosto, a súa terceira edición cunha xornada centrada no xacemento arqueolóxico de Tourón. O ciclo Monumenta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a difusión do patrimonio restaurado bota a andar mañá xoves, 27 de agosto, a súa terceira edición cunha xornada centrada no xacemento arqueolóxico de Tourón.

Santiago, 26 de agosto de 2015.- O ciclo Monumenta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a difusión do patrimonio restaurado bota a andar mañá xoves, 27 de agosto, a súa terceira edición cunha xornada centrada no xacemento arqueolóxico de Tourón. A localidade pontevedresa de Ponte Caldelas será o escenario de diversas actividades arredor do que constitúe un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de toda Galicia.

Con máis de 15 hectáreas de extensión, o xacemento arqueolóxico de Tourón ofrece a posibilidade de visitar cinco estacións rupestres onde se poden ver petróglifos e gravados sobre rocha que datan do Neolítico final-Idade de Bronce. Para afondar na súa singularidade, a xornada comezará cunha visita ao centro de interpretación, que terá lugar a partir das 20:00 horas. A continuación, o comisario de arte contemporánea Ángel Cerviño e o artista sonoro Carlos Suárez achegaranlle ao público a relación entre natureza e arte no século XXI.

O compoñente musical da xornada correrá a cargo do grupo Leilía, que lles descubrirá aos asistentes o universo sonoro de Tourón cun concerto nos exteriores do centro de interpretación que terá lugar ás 21:00 horas. Finalmente, ás 22:00 horas, o arqueólogo Santiago Vázquez realizará unha visita guiada á área arqueolóxica, que incluirá o visionado nocturno dos petróglifos. Ademais, Pablo Martínez Alemparte, arqueólogo e especialista en astronomía, establecerá pontes entre o firmamento e o xacemento.

Leilía, tradición e sons contemporáneos
Nado en 1989 da man de seis mulleres co propósito de recuperar do esquecemento a música de tradición oral de Galicia, a creación do grupo Leilía supuxo unha aposta pioneira e atrevida, que axiña tivo a súa recompensa internacional grazas á súa beleza e singularidade. Na actualidade, Leilía é un referente tanto para os que queren achegarse á música orixinal de Galicia como para os que buscan a fusión da tradición con sons e instrumentos contemporáneos.

Espazos de valor patrimonial das catro provincias
Ata o 5 de setembro, esta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura desenvolverá unha programación en espazos de valor patrimonial das catro provincias galegas con concertos e outras actividades a cargo de especialistas en diferentes áreas vinculadas coa arquitectura, a arqueoloxía, a astronomía, a xeografía e o urbanismo.

O gótico mariñeiro de Noia
A próxima parada do ciclo será o 29 de agosto, no concello de Noia, cun percorrido guiado polo gótico mariñeiro desta vila coruñesa, no que se inclúe a igrexa de San Martiño. A xornada, que contará coa participación do xornalista e músico Xurxo Souto, rematará cun concerto na praza do Tapal do grupo Talabarte Trío, co violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García.

Ao día seguinte, o domingo 30 de agosto, Monumenta viaxará ata Os Baños, en Bande, para desenvolver unha xornada centrada no patrimonio de Aquis Querquennis, considerado como un dos principais xacementos arqueolóxicos da comarca, que contará cunha visita ao seu centro de interpretación e cun percorrido guiado por este campamento romano. Os compoñentes do grupo Odaiko serán os encargados de achegar a parte musical, cun concerto que terá lugar ás 20.00 horas nos exteriores do centro de interpretación da Fundación Aquae Querquennae Via Nova e no que ofrecerán unha mostra da súa exploración da percusión tradicional galega.

Un referente do prerrománico
A xornada de clausura de Monumenta 2015 será o 5 de setembro na igrexa de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo), un dos monumentos prerrománicos máis senlleiros do occidente europeo. O concerto final correrá a cargo de Rodrigo Romaní, un dos músicos galegos máis destacados, membro fundador de Milladoiro.

Para favorecer o coñecemento do pasado e do presente de todos os seus escenarios, Monumenta conta coa implicación de axentes locais, que contribúen a poñer en relación o patrimonio cultural co territorio e coa súa singularidade paisaxística.

A participación en todas as actividades e concertos, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal, é libre e de balde.

Novas propostas para se achegar ao patrimonio cultural
Monumenta, difusión do patrimonio restaurado é un programa de actividades culturais que se desenvolve ao redor de igrexas, castros e outros monumentos e lugares históricos galegos nos que se realizaron diferentes intervencións para a súa conservación ou restauracións de interese arquitectónico e artístico.

Con este ciclo, a Xunta de Galicia achégalle á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade paisaxística.
 

Comparte