Nova: Xesús Vázquez Abad destaca na inauguración da mostra ‘O Asorey descoñecido’ a “fondura, sinxeleza e verdade creativa” do escultor cambadés

02/07/2014

Xesús Vázquez Abad destaca na inauguración da mostra ‘O Asorey descoñecido’ a “fondura, sinxeleza e verdade creativa” do escultor cambadés

A exposición, que se inaugura hoxe no pazo de Torrado e conmemora o 125 nacemento do escultor, ofrece un percorrido polas obras menos coñecidas do artista cambadés

O conselleiro explicou que na mostra revélanse “aspectos descoñecidos, mesmo inéditos, da traxectoria creativa de Asorey”

Cambados (Pontevedra), 2 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe á tarde no pazo de Torrado ‘O Asorey descoñecido’, unha exposición centrada en aspectos pouco divulgados, “mesmo inéditos –en palabras do titular de Cultura–, da traxectoria creativa de Asorey”. A mostra, coa que se conmemora o 125 aniversario do nacemento do ‘Escultor de Raza’, acolle unha escolma de obras plásticas realizadas mediante distintas técnicas. Trátase de pezas de distinta procedencia, moitas delas en mans de particulares e de difícil acceso para o gran público.

O conselleiro explicou que esta mostra, organizada pola Asociación Cultural Francisco Asorey coa colaboración da Xunta de Galicia, “vén a conmemorar a vida e a obra dun dos grandes xenios artísticos que ten dado o país”. Vázquez Abad definiu a Asorey como “un xenuíno gravador de ideas galegas e universais e un artista capaz de seguir pulsando as emocións das persoas que contemplamos as súas obras, que dialogamos con elas.”

Xunto ao conselleiro tamén participaron na presentación o alcalde de Cambados, Luis Aragunde; a presidenta da Asociación Cultural Francisco Asorey e comisaria da mostra, Carmen Asorey; o director da Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Sampedro; o secretario da Asociación Cultural Francisco Asorey, Vicente Pérez; e o fillo do artista, José Manuel Asorey. Por parte da Xunta de Galicia, acudiron ao acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Programación conmemorativa
Ademais do apoio á mostra, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ten colaborado co I Certame de Escultura “Francisco Asorey”, destinado a escultoras e escultores galegos ou que residan na nosa comunidade menores de 30 anos, que participen neste certame cunha obra inédita e orixinal de temática libre. E, a maiores das devanditas actividades, está previsto organizar un curso de verán na USC en Cambados coa participación de distintos profesionais e especialistas na vida e obra do escultor.

A Consellería achegou 12.500 euros para apoiar as diversas actividades conmemorativas programadas para homenaxear ao artista cambadés neste 2014. Coa promoción destas iniciativas a Consellería de Cultura e Educación implícase na lembranza dunha das figuras sobranceiras da renovación da arte escultórica do século XX en Galicia.

Visión anovadora dun clásico galego
En ‘O Asorey descoñecido’ expóñense bosquexos –xesos na súa meirande parte–, ao carón da obra definitiva, que dan ao visitante unha primeira idea do pulo creativo do escultor. Algunhas pezas destacadas pola súa singularidade ou rareza son, entre outras, ‘Cabaleiros negros’, o ‘Altar de Chacarita’ ou ‘San Cristóbal’.

As grandes esculturas están tamén presentes, esta vez a través de soporte fotográfico. Na mostra amósaselle aos visitantes a obra pública do autor cambadés, á vez que se trata de explicar a iconografía das pezas.

Adicionalmente, a exposición aborda a escasa e descoñecida produción pictórica de Asorey. Á parte dos bosquexos a lapis de rápida interpretación, Asorey realizou obras para o uso familiar e doméstico, representadas por un óleo e un debuxo nunca antes expostos. Ademais, tamén se recolle a súa faceta como ilustrador, expoñéndose a portada da primeira edición de ‘O Fidalgo’ de Xesús San Luís Romero.

Comparte