Nova: As sete cantigas de amigo do pergamiño Vindel xa se poden ler en xaponés
31/07/2015
As sete cantigas de amigo do pergamiño Vindel xa se poden ler en xaponés
En Xograr Martin Codax, de Takekazu Asaka, o embaixador do galego máis famoso do Xapón
Deuse a coñecer a nova edición bilingüe galego-xaponés nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015.- As sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, que o bibliófilo Pedro Vindel atopou no ano 1914 no pergamiño que lle serviu como forro á encadernación dunha copia manuscrita feita no século XIV do tratado “De Officiis” de Cicerón e que marcaron un fito por amosar por vez primeira a música da lírica profana medieval, xa se poden ler en xaponés, mercé á nova edición bilingüe galego-xaponés do lingüista Takekazu Asaka, un profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio considerado o embaixador do galego máis famoso do Xapón.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer o novo volume esta mañá nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no que participou tamén o autor e no que destacou que “se trata dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa”.
Acompañáronos na presentación o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, autor do limiar que abre a obra; o académico da lingua e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei e mais o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.
Edición bilingüe galego-xaponés
O volume Xograr Martin Codax ofrece a tradución ao xaponés das sete cantigas de amigo do trobador Martin Codax realizada polo lingüista Takekazu Asaka, profesor da Universidade Tsudajuku de Toquio. Asaka é un recoñecido tradutor de textos galegos á lingua nipona, na que publicou obras de Rosalía e Cabanillas, unha gramática de galego e mais o libro “Coñecer Galicia”.
Xograr Martin Codax é unha edición bilingüe onde, ao pé dos textos orixinais galegos, comparecen as súas translacións ao xaponés acompañadas de notas e comentarios do editor. O volume conta, así mesmo, cun limiar de Xesús Alonso Montero titulado “Sete poemas de amor escritos en galego do século XIII traducidos ó xaponés do século XXI”. A reprodución fotográfica do Pergamiño Vindel, unha introdución contextualizadora e analítica do propio Asaka, un selecto glosario galego medieval-xaponés actual e unha escolleita bibliografía crítica completan o apartado textual deste libro.
A maiores, Xograr Martin Codax complétase coa inclusión dun CD estoxado no que Yuri Ensemble interpreta as sete cantigas de Martin Codax. O volume foi publicado neste 2015 no Xapón pola editorial Ronso e contou co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría de Estado de Cultura.
Embaixador do galego no Xapón
Takekazu Asaka é un lingüista nacido en Toquio que imparte docencia na área de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku, na capital nipona. Está considerado o embaixador do galego máis famoso do seu país. Asaka entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.
Na súa produción destacan os títulos “Gramática do galego moderno” (1993), “Guía de conversación en galego” (1994) e “Vocabulario básico da lingua galega” (1996). Ademais, é autor da tradución ao xaponés de 29 dos poemas dos “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, de textos de Castelao, dos poemas galegos de Federico García Lorca e doutros textos de Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez ou de Ramón Cabanillas, en cuxa homenaxe deu ao prelo no ano 2014 o libro-CD “Cantata a Ramón Cabanillas”, prologado por Francisco Fernández Rei.
Takekazu Asaka é, ademais, un dos ex alumnos máis coñecidos dos cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras que organizan cada ano a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC na capital de Galicia.