Nova: Arranca unha nova edición de O galego campa! nos campamentos de verán

23/07/2015

Arranca unha nova edición de O galego campa! nos campamentos de verán

Amplo catálogo de actividades que chegará a 17 localidades durante xullo e agosto para promover o uso da lingua galega na mocidade

Nesta quinta edición inclúese como novidade un repositorio dixital de materiais e propostas dinamizadoras dirixidas ao monitorado de tempo libre

  • O galego campa! O galego campa!
  • A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro
  • A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro
  • A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro

Boiro (A Coruña), 23 de xullo de 2015.- A Xunta de Galicia, por medio das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais de Traballo e Benestar, vén de poñer en marcha a quinta edición do programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’, que amplía as súas propostas de promoción do uso do galego na xente nova con respecto aos anos anteriores e que inclúe como novidade un repositorio dixital de materiais e actividades dinamizadoras dirixidas ao monitorado do tempo libre.

Así o deron a coñecer esta mañá a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro, que acolleu a primeira das xincanas lingüísticas ‘Galicia, terra de artistas’, da man d’O Falcón Branco, empresa xestora do programa na súa edición 2015.

“O galego campa! chegará este ano, ampliado, a 17 campamentos con dúas actividades diferentes e atendendo con especial interese ao monitorado cun novidoso repositorio dixital de materiais e propostas que permitirá seguir dinamizando a lingua na xente nova e no tempo libre”, explicou García Gómez no acto de presentación, no que animou os monitores e monitoras a empregaren o galego na súa actividade profesional e á rapazada “a iniciar e manter en galego as novas amizades que estades a facer durante estes días de convivencia e de lecer”. O secretario xeral recordou que a promoción do uso da lingua propia de Galicia na mocidade é un dos eixos estratéxicos de traballo do seu departamento, en cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega desde a Xunta de Galicia.

Pola súa banda, Cecilia Vázquez, destacou que este programa ten como obxectivo principal fomentar entre a mocidade o uso do idioma galego como unha lingua útil, axeitada e normal para todos os momentos da vida. ‘O Galego Campa’ facilita aos monitores e monitoras ferramentas para a animar aos participantes nos campamentos a expresarse en galego. De aí que tamén agradeceu o labor e a disposición dos monitores e monitoras para que ‘O Galego Campa’ sexa, un ano máis, un verdadeiro éxito.

Unha nova xincana lingüística
‘Galicia, terra de artistas’ é a denominación da nova xincana lingüística que chegará desde hoxe aos campamentos de verán da Xunta de Galicia da man d’O Falcón Branco, unha proposta baseada en xogos e probas que combinan as habilidades física, lingüística e intelectual para achegarlle á rapazada a lingua por medio da canción, da poesía ou do teatro e para dar a coñecer os persoeiros máis ilustres, os fitos máis importantes ou os feitos máis senlleiros da nosa propia historia.

‘Galicia, terra de artistas’ desenvolverase en varias sesións entre xullo e agosto no Campamento Xuvenil Espiñeira (Boiro, A Coruña), no Albergue Xuvenil As Sinas (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), no Albergue Xuvenil da Mariña Española (Bergondo, A Coruña), no Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo, Lugo), no Campamento Xuvenil Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense) e na Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense).

Contacontos en formato acústico
Paralelamente, o Consello de Galegos Ilustres (integrado polos dinamizadores Brais Fernandes e Xavier Mugardos) levarán os seus contacontos en formato acústico de guitarra e voz “Historia máxica de Galicia”, “Xan e Perillán”, “Visita do Consello de Galegos Ilustres” e “Rosalía, unha meniña” durante o mes de xullo aos campamentos Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Furelos (Melide, A Coruña), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), de Pontemaril (Forcarei, Pontevedra), Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) e ao Albergue Xuvenil Area (Viveiro, Lugo).

Xa no mes de agosto, poderá gozar destes contacontos musicados a rapazada de estadía de verán no Campamento Xuvenil Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), no Albergue Xuvenil da Mariña Española (Bergondo, A Coruña), no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), no Albergue Xuvenil da Mariña Española (Bergondo, A Coruña), no Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo, Lugo), na Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense) e no Albergue Xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo).

En total, as actividades chegarán este ano a 17 dos campamentos da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que amplía así o programa ‘O galego campa!’ con respecto ás campañas anteriores. O calendario completo de actividades pódese consultar nos webs www.lingua.gal e www.xuventude.net, así como na Axenda de Cultura de Galicia.

Novo repositorio
Alén das sinaladas actividades presenciais de dinamización lingüística nos campamentos, ‘O galego campa! 2015’ incorpora como novidade un repositorio dixital de materiais e propostas específicas para traballar lingua, mocidade e tempo libre, pensadas para o monitorado. Na liña das primeiras edicións do programa, nas que se distribuíron e se ofreceron en aberto xogos de fichas de actividades e o disco ‘Desaparafusador de gominola’ e se incluíu formación específica de dinamización lingüística para directores de campamento e monitorado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado xa teñen habilitado nos seus respectivos webs institucionais un novo espazo desde o que acceder á descarga libre e de balde dos primeiros materiais que configurarán un completo e novidoso repositorio dixital de lingua, mocidade e tempo libre.

Plan Estratéxico de Xuventude
‘O galego campa!’ desenvolve, no marco do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-16 deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, unha das 11 medidas que teñen por obxectivo o fomento da lingua galega entre a xente nova nos diferentes ámbitos sociais, ao tempo que lle dá cumprimento ás directrices da Lei de Xuventude de Galicia (2012) e ás do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).

Comparte