Nova: O creador Iker Gómez abre o programa formativo de xullo do Centro Coreográfico Galego

26/06/2015

O creador Iker Gómez abre o programa formativo de xullo do Centro Coreográfico Galego

Un total de 15 bailaríns e bailarinas, docentes e estudantes de nivel medio-alto participará neste primeiro curso sobre danza contemporánea e composición coreográfica, que se desenvolverá ata o venres día 3

Ángel Rodríguez, Jordi Vilaseca, Antonella Sampieri, Gonzalo Zaragoza e Virginia Valero completan o profesorado que impartirá obradoiros intensivos sobre os distintos estilos de danza

A Coruña, 26 de xuño de 2015.- O coreógrafo e videocreador Iker Gómez impartirá na Coruña, a partir deste luns 29 de xuño e ata o venres día 3, un obradoiro de danza contemporánea e composición coreográfica, co que o Centro Coreográfico Galego (CCG) abrirá o seu programa formativo para o mes de xullo.

Un alumnado composto por 15 bailaríns e bailarinas, mestres de danza e estudantes de nivel medio-alto participará nesta primeira actividade pedagóxica organizada pola unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dentro do plan de formación continua que desenvolve ao longo de todo o ano para contribuír ao perfeccionamento académico e práctico dos profesionais galegos.

Así, ademais de Iker Gómez, nas próximas semanas terán lugar na aula de ensaios do CCG outros encontros sobre danza contemporánea, clásica e neoclásica con docentes da traxectoria de Ángel Rodríguez, Jordi Vilaseca, Antonella Sampieri, Gonzalo Zaragoza e Virginia Valero.

Bailarín en teatros europeos
Tras cinco anos actuando como bailarín en teatros europeos como o Ballet Nacional de Suíza ou o Regensurg Tanztheater ás ordes de Jirí Kylián, Stjin Cellis, Rui Horta, Jo Stromgren ou Wim Vandekeybus, entre outras figuras internacionais, Iker Gómez dirixiu a súa carreira cara á dirección escénica, a coreografía, a investigación e as artes audiovisuais. É, ademais, profesor do Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso da Universidad Rey Juan Carlos.

Imparte habitualmente clases, seminarios e talleres sobre danza contemporánea, improvisación, creación coreográfica, videodanza e vídeo nas artes escénicas en centros de toda a xeografía española, como La Caldera, Varium, Estudio 21, Aula de Danza da Universidad de Alcalá de Henares, ITDansa-Compañía do Institut del Teatre de la Diputació de Barcelona, Escuela Municipal de Danza de Villa-Real, Arteleku, Universidad de Bellas Artes de Cuenca, UPV/EHU de Bilbao, Dantzagunea, Teatro Victoria Eugenia ou Conservatorio Superior María de Ávila. Tamén é asiduo de centros de ámbito internacional como a Universidad Veracruzana (México) e de escolas de danza de cidades como Friburgo e Berna (Suíza), Göteborg (Suecia), Biarritz (Francia) ou Palermo (Italia).

Coa súa propia formación, Compañía de Danza Iker Gómez-Teatro Físico, residente no Centro Cultural Sara Montiel do madrileño distrito de La Latina, ten realizado un total de cinco producións escénicas de longa duración, todas elas deseñadas co denominador común de combinar danza, música en directo, teatro, vídeo escénico e humor.

Programa continuo
Despois do encontro con Iker Gómez, o Centro Coreográfico Galego acollerá do 6 ao 10 de xullo cadansúa cita formativa cos mestres Ángel Rodríguez e Jordi Vilaseca. A danza neoclásica será o eixo central do curso que conducirá na Coruña Ángel Rodríguez, en tanto que Vilaseca ofrecerá nesa mesma semana un encontro de danza contemporánea, combinado cun taller coreográfico.

A danza contemporánea será, igualmente, o obxecto do curso que impartirá do 13 ao 17 de xullo a bailarina arxentina Antonella Sampieri, quen formou parte do corpo de baile do Centro Coreográfico Galego nos espectáculos ‘Etheria’, de Mercedes Suárez, e ‘3Dtres’, con coreografías de Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun.

Técnica clásica
O quinto obradoiro correrá a cargo de Gonzalo Zaragoza, xefe de estudos do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Ávila’, onde imparte Técnica Clásica e Metodoloxía Didáctica da Danza Clásica. Na Coruña, o seu taller de danza clásica celebrarase do 20 ao 24 de xullo.

A directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Ávila’, Virgina Valero, tamén visitará en xullo o Centro Coreográfico Galego para pechar esta nova entrega do programa formativo. Será entre os días 27 e 31, cun último curso de danza clásica. Neste caso, os alumnos terán a oportunidade de consolidar e mellorar a súa técnica da man dunha profesora cunha intensa e moi ampla traxectoria docente neste ámbito e membro, ademais, do Consello Nacional das Artes Escénicas do Ministerio de Cultura e do Consello Nacional da Danza.

O prazo de matrícula para cada un destes obradoiros permanecerá aberto ata o venres anterior ao seu comezo. O CCG ofrece diferentes modalidades de matrícula, que permiten combinar a participación en varios cursos, así como a asistencia a clases soltas ou como alumnado oínte. No web www.centrocoreografico.org está dispoñible toda a información sobre proceso de inscrición e os diferentes prezos de matrícula.
 

Comparte