Nova: O CGAC ofrece unha master class de improvisación colectiva e música electrónica con Jorrit Dijkstra

29/05/2015

O CGAC ofrece unha master class de improvisación colectiva e música electrónica con Jorrit Dijkstra

Os vindeiros 3 e 4 de xuño este afamado saxofonista, compositor e profesor impartirá dúas sesións dirixidas a músicos de calquera xénero

  • Jorrit Dijkstra Jorrit Dijkstra

Santiago, 29 de maio de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea programa os vindeiros 3 e 4 de xuño, en horario de 17.00 a 20.00 h., unha master class de improvisación colectiva e música electrónica dirixida polo afamado saxofonista, compositor e profesor holandés Jorrit Dijkstra.

No encontro, dirixido a músicos e estudantes de todo tipo xénero musical o autor abordará diferentes xeitos de improvisación colectiva en formato ensemble. A actividade xirará arredor dun conxunto de exercicios sobre técnicas de improvisación nos que os participantes poderán aprender a tocar nun grupo reforzando a súa comunicación.

Neste caso, o método didáctico de Dijkstra presta atención á expresividade, o dinamismo, a escoita, a reacción e experimentar coas respostas emocionais do público, convidando ao alumnado a saír do camiño e a confiar nos seus colegas por riba dunha melodía ou de cambios nos acordes.

Durante a master class, o músico presentará algunhas das súas propias composicións e outras obras do saxofonista soprano Steve Lacy centradas na improvisación colectiva. Mostrará como sacarlle o máximo partido á electrónica no contexto improvisado dunha ensemble, incluído o uso do Lyricon, un instrumento analóxico que se usou como primeiro sintetizador electrónico de vento.

A preinscrición nesta actividade pode facerse enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao 981 546 602/631.

Músico e profesor de renombre internacional
Jorrit Dijkstra naceu en Eindhoven no 1966 e, actualmente, vive en Boston, onde é membro facultativo da Berklee College of Music e do New England Conservatory. A súa música bebe da tradición jazzística, pero salvando as fronteiras estilísticas e culturais para expresar unha forte e suxestiva concepción persoal.

Os seus anos de formación realizounos en Ámsterdam, interpretando jazz e world music e decantándose pola improvisación libre. No ano 2002 trasládase aos Estados Unidos e comeza a afondar nas súas afinidades cos intérpretes máis experimentais da música americana, aínda que sen abandonar as súas raíces musicais holandesas.

Os proxectos máis recentes deste músico inclúen os cuartetos BOLT e Matchbox, Music for Reeds and Electronics, o octeto Pillow Circles, e as súas actuacións como solista de música electrónica. Como compositor, recibiu encargos do North Sea Jazz Festival, a David Kweksilber Big Band, a Tetzepi Big Band, o Amstel Saxophone Quartet e The Harvard Jazz Band.

Dijkstra editou 18 CD como líder da súa formación e participou en proxectos tan diversos como Ghost Trance, de Anthony Braxton, a ópera Noach de Guus Janssen ou unha excepcional actuación en vivo de Jandek, o músico outsider oriúndo de Texas. O músico é ademais cofundador da discográfica independente Driff Records.

Comparte