Nova: A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao alemán coa estadía de Florian Weber

21/12/2025

A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao alemán coa estadía de Florian Weber

O escritor gañador desta iniciativa, que xa vai pola súa sexta edición, estará durante o mes de marzo na Residencia Literaria 1863

O seu proxecto consiste na tradución ao alemán dunha escolma representativa do traballo poético de Estíbaliz Espinosa

O traballo desenvolverase en estreito diálogo coa autora co obxectivo de culminar nunha futura publicación bilingüe

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade que xestiona Yolanda Castaño colaboran así na proxección da literatura galega no exterior

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2025

A Residencia Xacobeo acollerá durante o vindeiro mes de marzo o alemán Florian Weber, gañador da estadía na que levará a cabo o seu proxecto de tradución de obras galegas. Trátase da iniciativa que impulsan a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 e que, por primeira vez, contará cun escritor xermano que traballará un proxecto de tradución a esta lingua.

A sexta edición desta residencia, que busca promocionar a tradución da literatura en galego e, deste xeito, impulsar as letras galegas no exterior, promóvese mediante a colaboración da Xunta de Galicia e a entidade con sede na Coruña xestionada por Yolanda Castaño, xestora cultural e poeta, gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023. Neste caso, o doutor en Filoloxía Románica e docente-investigador na Universidade de Kiel Florian Weber aproveitará o seu paso pola cidade herculina para pór en marcha o seu proxecto literario, que consiste na tradución ao alemán dunha escolma representativa da obra de Estíbaliz Espinosa, unha das voces máis singulares e innovadoras da poesía galega contemporánea.

O traballo desenvolverase en estreito diálogo coa autora, residente na Coruña, co obxectivo de garantir a máxima fidelidade poética e conceptual, así como de culminar nunha futura publicación bilingüe que favoreza a súa difusión no mercado editorial alemán. Así mesmo, ademais da estadía completa, o autor gozará de acceso a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos na cidade da Coruña.

Sobre Florian Weber

Florian Weber é docente-investigador da Universidade de Kiel e doutor en Filoloxía Románica. Especializado na tradución literaria dende o galego e o castelán ao alemán, leva varios anos desenvolvendo un intenso labor de difusión da literatura galega no ámbito xermanofalante. No seu percorrido como tradutor destacan versións de obras de Emilia Pardo Bazán, Manuel Rivas, Dores Tembrás, Xesús Fraga, Xohán Casal ou Arturo Franco Taboada, entre outros autores, traballo polo que recibiu distintas bolsas de apoio á tradución en Alemaña.

A través da Residencia Xacobeo, Florian Weber será o sexto tradutor que se beneficie desta iniciativa, tras os estadounidenses Jacob Rogers, Kathleen March e Lindsay Semel, o letón Arvis Viguls e o asturiano Inaciu Galán.

Comparte