Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Las
17/11/2025
A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Las
- O Consello dá o visto e prace á proposta de decreto para recoñecer o xacemento coa máxima protección polo seu valor cultural sobranceiro
- Situado nos termos municipais ourensáns de San Amaro e Punxín, é un dos enclaves históricos máis visitados de Galicia
- No informe ponse en valor como un elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro
- O Goberno galego creou ao seu abeiro o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, elixido pola boa preservación da súa integridade ao longo do tempo
- Con esta aprobación xa son 793 os Bens de Interese Cultural rexistrados na Comunidade
A Xunta de Galicia declara Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Las, situado no termos municipais ourensáns de San Amaro e Punxín, polo seu interese científico e a súa importancia histórica, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade. Así se acordou no Consello, onde se lle deu o visto e prace ao decreto co que se recoñece o seu valor como ben representativo do patrimonio de Galicia e merecedor da máxima protección.
Así, a declaración, que se fará oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, valora este enclave como un elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e inicio do período romano, polo que se considera a necesaria protección para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.
O expediente destaca o seu bo estado de conservación, cun 15% da extensión do poboado xa escavado e musealizado. Neste senso, o informe recolle as sucesivas intervencións que permitiron sacar á luz numerosas estruturas, tanto habitacionais como doutro tipo (murallas, rúas, portas monumentais ou alxibes, entre outras). Ademais, tamén se acharon materiais arqueolóxicos (pezas cerámicas, líticas, obxectos de vidro de uso doméstico, restos metálicos ou moedas) de grande importancia para a investigación e a divulgación, de maneira que constitúen un valioso recurso patrimonial. Deste xeito, tamén se fai fincapé na excelente preservación da súa integridade, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia.
Cómpre destacar que esta singularidade foi a que fixo que a Xunta o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación inaugurado no 2014 para difundir este coñecemento entre a poboación. De feito, como resultado disto conseguiuse a consolidación dos restos exhumados e a creación dun lugar histórico amplamente investigado, musealizado e protexido, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia.
Con esta declaración, agora mesmo están rexistrados 793 Bens de Interese Cultural no territorio, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno autonómico por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.
Exemplo de construción planificada e organizada
O Castro de San Cibrao de Las, situado a 20 quilómetros da cidade de Ourense, foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou poboado prehistórico do cambio de Era. Nas intervencións máis recentes ampliase a súa ocupación como castro entre os séculos II a. C. e II d. C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico ata o derrube da muralla e abandono definitivo no século XI d.C.
Así, tras as diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde inicios do século XX descríbese o ben como un espazo elevado que conta con dous recintos ovalados e concéntricos. Desta maneira, considerase que exemplifica unha construción planificada e organizada, con rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga, vivendas complexas con estruturas arredor dun patio central e agrupadas en barrios.
Polo tanto, San Cibrao de Las conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.
