Nova: López Campos resalta a proxección exterior da lingua con máis de 4.400 estudantes fóra da Comunidade

01/10/2025

López Campos resalta a proxección exterior da lingua con máis de 4.400 estudantes fóra da Comunidade

Co apoio da Xunta, ofrécense estudos en 41 universidades, con máis de 400 alumnos en España e outros 1.000 entre Europa e América, ademais da India e Mozambique

Fai fincapé en “puntos estratéxicos que manteñen viva a nosa cultura” como o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires ou o Cañada Blanch de Londres

Lembra que en colaboración co Goberno de Castela e León rexístranse 1.400 estudantes en territorios limítrofes como O Bierzo e Sanabria

Tamén son claves no ensino do idioma máis alá de Galicia outras entidades como o Instituto Cervantes, as Casas de Galicia e os Centros Galegos

Destaca que estas accións “impulsan a lingua noutras áreas, conectan cos galegos no exterior e supoñen unha ferramenta para prestixiala”

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe que na actualidade hai máis de 4.400 estudantes de galego fóra da Comunidade, reiterando así o compromiso da Xunta “coa proxección exterior da lingua, fomentando a súa aprendizaxe e impulsando o seu uso noutras áreas territoriais, como ferramenta tamén para prestixiala”. Fíxoo durante unha visita ao Centro de Estudos Galegos a través do que se desenvolve o lectorado da Universidade de Barcelona, unha das institucións académicas que ofrecen clases do idioma máis alá de Galicia.

O representante do Executivo autonómico explicou que accións como esta están encamiñadas “tanto a manter a conexión cultural coas comunidades de galegos residentes no exterior, ben no resto de España ou noutros lugares como Europa ou América, como a ofrecerlle a calquera outra persoa interesada a oportunidade de achegarse á nosa cultura e á nosa lingua”.

Neste senso, lembrou que actualmente o galego é obxecto de estudo en 41 universidades, nove delas en España, con 407 alumnos distribuídos entre Barcelona, Madrid, Vitoria, Bilbao, Alacante, Estremadura e Granada. Outros 1.000 estudantes están vencellados aos lectorados de 22 institucións académicas localizadas en Europa (Alemaña, Austria, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza), aos 8 que se desenvolven en América (Arxentina, Brasil, Cuba, Estados Unidos) e aos recentemente creados nunha universidade da India e noutra de Mozambique.

Ademais dos lectorados, López Campos indicou que “desde o Goberno autonómico colaboramos estreitamente con outras institucións que nos permiten fomentar o ensino e a presenza da nosa lingua en moi diversos puntos do mundo”. Referiuse así a entidades como o Instituto Cervantes, as Casas de Galicia e os Centros Galegos, que neste 2025 reúnen nos seus programas de formación 950 persoas. Neste punto, fixo fincapé nos últimos fitos, como o inicio hai uns meses, por primeira vez, de cursos de galego no Instituto Cervantes de Nova York co apoio da Xunta.

Desde o Bierzo ata Bos Aires e Londres

O conselleiro tamén sinalou algúns “puntos especialmente estratéxicos para a aprendizaxe do galego onde se mantén viva tanto a lingua como a nosa cultura”. Trátase, dunha banda, da iniciativa do Goberno leonés, apoiada pola Xunta ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego, de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria no Bierzo e en Sanabria. Esta formación nestas zonas limítrofes con Galicia e máis outras áreas da Comunidade veciña contan cada ano con máis estudantes, chegando aos 1.500, en centros de Educación Infantil e Primaria, Institutos de Secundaria e unha Escola de Idiomas.

Doutra banda, referiuse ao Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, onde 500 alumnos afrontan varias das súas materias en lingua galega. López Campos lembrou que se trata dun recoñecido centro educativo que conseguiu hai uns meses converterse en Centro de Convenio, dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha categoría que o Goberno central levaba 15 anos sen outorgar. A este hai que engadir o Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres, onde a matrícula en lingua galega superou por primeira vez as 50 persoas, acadando as 75.

O galego no exterior no Pacto pola Lingua

A proxección exterior da lingua, facendo fincapé no seu fomento noutras áreas onde se fala ou existe un alto grao de coñecemento, como son as zonas limítrofes con Galicia ou mesmo Europa e América, figura como unha das temáticas específicas das comisións que levan traballando nos últimos meses para levar a cabo a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, que está a levar a cabo a Xunta no marco do Pacto pola Lingua.

Neste senso, as mesas, conformadas por expertos de recoñecido prestixio, céntranse tamén en ampliar esa presenza no exterior tirando proveito dos vínculos coa lusofonía para poñer en valor, sobre todo entre a mocidade, os beneficios que ten falar galego polo súa proximidade co portugués, ademais de continuar apoiando a acción das colectividades galegas noutros países e a colaboración con universidades de todo o mundo a través dos lectorados para impartir lingua e cultura galegas, vencellados á creación de Centros de Estudos Galegos.

Por outra banda, a Xunta convoca cada ano en Ponferrada, ademais de en Galicia, os exames Celga, que certifican o coñecemento do galego e que resultan unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua ao tempo que impulsa o seu prestixio.

Comparte