Nova: A Xunta destina 120.000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a tradución literaria

21/09/2025

A Xunta destina 120.000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a tradución literaria

  • A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste máis de 80.000€ para favorecer a publicación en galego de obras escritas orixinariamente noutro idioma
  • A convocatoria inclúe máis de 34.000€ para que textos en lingua galega poidan ser lidos en outros idiomas, tanto en formato en papel como en dixital
  • O Goberno galego mantén así o seu apoio á internacionalización da nosa cultura e a posta en marcha de medidas que favorezan o intercambio con outros países e rexións

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2025.- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar a resolución de dúas convocatorias de axudas para apoiar o  sector editorial galego cunha achega de 120.000€ e potenciar así os traballos de tradución, tanto en formato papel como en dixital.

Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia, a primeira das ordes inclúe un investimento de máis de 80.000 euros para favorecer que máis de 60 obras publicadas orixinariamente noutros idiomas se editen en galego, en formato papel ou dixital, mentres que a segunda convocatoria destinará máis de 34.000 euros para que máis de 20 textos en lingua galega poidan ser lidos noutros idiomas.

O Goberno galego busca así apoiar as editoras para que conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción, ao tempo que se favorece que as persoas lectoras poidan acceder en lingua galega a títulos significativos producidos noutros idiomas. Con estas convocatorias, a Xunta colabora en sufragar os custos de tradución de diferentes obras literarias, fixando en ambas ordes un importe máximo de 6.000 euros por publicación.

Estas axudas forman parte do compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas. De igual xeito, tamén se insiren no obxectivo deste departamento de facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural entre outros países e rexións e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Comparte