Nova: A Coruña acolle a última función en Galicia de Xardín suspenso

19/05/2015

A Coruña acolle a última función en Galicia de Xardín suspenso

O CDG ofrecerá unha única representación na cidade este venres 22, coa que a montaxe deste drama de Abel Neves completa o seu percorrido por unha decena de escenarios galegos antes de poñer rumbo a Lisboa

O director Cándido Pazó e o actor César Cambeiro presentaron hoxe esta proposta xunto aos responsables do Teatro Rosalía e do Centro Dramático Galego

  • Cartel de Xardín suspenso Cartel de Xardín suspenso
  • Imaxe da obra Imaxe da obra

A Coruña, 19 de maio de 2015.- O Centro Dramático Galego (CDG) ofrecerá este venres 22 no Teatro Rosalía Castro da Coruña a última función en Galicia de ‘Xardín suspenso’, espectáculo que a semana que vén rematará o seu periplo en Lisboa despois de ter visitado unha decena de escenarios. Cándido Pazó é o director desta versión da obra do portugués Abel Neves, un dos dramaturgos máis recoñecidos da escena contemporánea do seu país.

Pazó presentou hoxe na Coruña esta última función galega da montaxe acompañado dos directores do CDG, Manuel Guede Oliva, e do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez, así como do actor César Cambeiro, en representación dun elenco do que tamén forman parte Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos.

Drama sobre o desamor
Melania Cruz interpreta o papel de Lucía, a moza protagonista desta galardoada obra, pola que Abel Neves obtivo en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática convocados no ámbito lusófono. ‘Xardín suspenso’ é un drama sobre a condición humana, o desamor e os sentimentos en estado puro, que indaga tamén nas tensións e contradicións das relacións familiares.

Carlos Alonso deseñou para esta produción un xardín ao estilo zen –de area branca, desprovisto de plantas e sen apenas decoración– como un lugar onde se confunden paz e esterilidade. Trátase do agasallo que Lucía constrúe para o seu amado e serve, así mesmo, de metáfora do estado letárxico no que se somerxe a rapaza cando Mateo lle anuncia que casa con outra, crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte da familia da protagonista diante dunha situación que altera a súa aparente normalidade e que se nos anuncia como unha traxedia inminente.

Venda de entradas
A venda anticipada das entradas para a función deste venres na Coruña xa está operativa a través das canles habituais do Teatro Rosalía Castro, no web www.ataquilla.com e no teléfono 902 504 500. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes deste espazo o propio día da función.

O espectáculo, que foi estreado o 13 de marzo no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago, porá rumbo a continuación cara ao Teatro Nacional D. Maria II (TNDMII) de Lisboa, onde permanecerá do 28 ao 31 de maio. Culminará así o primeiro acordo institucional entre as compañías públicas de Galicia e Portugal para o intercambio de autores fundamentais de ambas as dramaturxias, no marco do que o TNDMII produciu a versión portuguesa de ‘Saxo Tenor’, de Roberto Vidal Bolaño, que poderá verse no Teatro Principal de Santiago os días 29 e 30 de maio.

Comparte