Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside de Sada e a súa colección de arte

21/07/2025
A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside de Sada e a súa colección de arte
- O Consello dá o visto e prace á proposta de decreto para recoñecer este edificio e unha colección de 1447 obras coa máxima protección polo seu valor sobranceiro
- A resolución, que se fará oficial nos vindeiros días coa publicación no Diario Oficial de Galicia, basease na súa importancia a nivel histórico, arquitectónico e artístico
- A declaración chega despois do procedemento aberto pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao considerar a especial significación do complexo e das súas pezas para a comprensión da arte contemporánea galega
A Xunta de Galicia declara Ben de Interese Cultural o edificio do Museo de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, localizado en Sada, e a súa colección de arte composta por 1447 obras polo seu interese arquitectónico e artístico para a historia da Comunidade. Así se acordou no Consello, onde se lle deu o visto e prace ao decreto co que se recoñece o valor tanto do inmoble como do seu contido, merecedor de contar coa máxima protección da Comunidade.
A declaración, que se fará oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, chega despois dun proceso iniciado en 2023 cando a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude decidiu incoar o expediente ao considerar que a institución museística se configura como un ben cun valor cultural sobranceiro en termos históricos, artísticos e documentais, composto tanto polo continente como polo contido.
Así, este conxunto patrimonial, xestionado pola Fundación Sargadelos, contará a partir de agora cun recoñecemento que o distingue como relevante e de especial significación para a comprensión da arte contemporánea galega, un feito que propiciará o establecemento de sistemas para velar pola súa conservación e unha mellor divulgación deste legado para o seu estudo, investigación e goce por parte da sociedade.
Deste xeito, o edificio está considerado un fito na arquitectura contemporánea española que amosa na súa linguaxe construtiva a integración das influencias artísticas internacionais recollidas por Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Andrés Fernández–Albalat, e reúne os avances e as innovacións dos daquela novos espazos museísticos e culturais que se estaban definindo. Ademais, o espazo logra desenvolver unha simbiose coas súas partes integrantes e as pezas que acolle, concibido para albergar un conxunto artístico cun grande alcance simbólico e representativo da evolución da arte galega do século XX.
Ao seu valor arquitectónico úneselle o seu papel na promoción e difusión da obra dun grupo de artistas marcados polo exilio e polas xeracións posteriores que tomaron o relevo no seu traballo para reforzar e actualizar unha identidade cultural galega propia fundamentada nas máis avanzadas tendencias artísticas e de pensamento europeas. Así, a colección artística reúne pezas de históricos como Luís Seoane, Castelao, Reimundo Patiño, Díaz Pardo ou Alfonso Sucasas ou Urbano Lugrís.
Antecedentes
Con esta aprobación xa son 790 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.