Nova: A Xunta iniciará os trámites para licitar a redacción do proxecto do Teatro Cine Fraga este mes

18/07/2025
A Xunta iniciará os trámites para licitar a redacción do proxecto do Teatro Cine Fraga este mes
O Goberno galego avanza na redacción do contrato para que sexa o arquitecto César Portela, autor do proxecto orixinal e director da obra xa executada, o responsable de continuar cos traballos no inmoble adquirido coa Deputación de Pontevedra
O obxectivo é respectar a intervención xa realizada, e cuxos dereitos de propiedade intelectual corresponden ao equipo técnico de Portela, para converter o edificio nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular
Tirarase proveito dos 7.000 metros cadrados para ofrecer unha ampla programación que teña en conta as achegas da cidadanía ao longo do proceso participativo
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia iniciará nas vindeiras semanas, en coordinación coa Deputación de Pontevedra, os trámites para licitar a redacción do proxecto básico e de execución para a terminación das obras do Teatro Cine Fraga. Deste xeito, o Goberno galego traballa para finalizar a redacción dos pregos antes de que remate o mes coa intención de que sexa o arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual do proxecto orixinal e director da obra xa executada, quen continúe coa tarefa de rehabilitar o inmoble.
Con isto, o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é respectar a intervención xa realizada segundo o proxecto orixinal para, tras realizar as actualizacións que sexan precisas, converter este edificio nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular. Cómpre lembrar que o Teatro Cine Fraga, adquirido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, conta xa cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado tendo en conta as achegas feitas pola cidadanía a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.
Deste xeito, a finalidade de ambas as dúas administracións e recuperalo para transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias. Nesta liña, proponse a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular dando pulo e espazo a creadores da cidade e propiciando sinerxías e colaboracións entre artistas do territorio galego, do resto de España e de Portugal.
Así, no plan de usos xa aprobado e presentado, contémplase que o Teatro Cine Fraga inclúa diferentes espazos para organizar encontros, festivais e ciclos temáticos, nos que se procurará a participación de creadores emerxentes xunto cos xa consolidados. Entre as súas dotacións, contará cunha sala flexible para acoller espectáculos teatrais, concertos ou cinema, ademais dun espazo museístico no que preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia.
Así mesmo, contará con capacidade para poñer en marcha actividades e obradoiros dirixidos á infancia e á mocidade que estimulen a creatividade e a experimentación, vencellados á escritura creativa, a composición musical e a produción audiovisual. Finalmente, a cafetería tamén contará cunha definición de usos específica, xa que ademais de servir de punto de encontro informal entre a cidadanía e este novo espazo cultural, se vai habilitar para determinados eventos e o desenvolvemento dunha programación concreta.