Nova: Ángel Miramontes destaca o “carácter cultural sobranceiro” da cheminea das Pontes

15/07/2025
Ángel Miramontes destaca o “carácter cultural sobranceiro” da cheminea das Pontes
O director xeral de Patrimonio Cultural explicou no Parlamento de Galicia que a incoación como Ben de Interese Cultural non supón un problema “para a implantación dun novo proxecto”
Afirmou que o Goberno galego “apoiará calquera iniciativa que se queira instalar neste espazo, sempre que cumpra coa lexislación vixente e xere riqueza e emprego”
Os trámites para esta declaración iniciáronse por segunda vez o pasado mes de marzo, tras a petición da veciñanza, o Concello e a Deputación da Coruña
Santiago de Compostela, 15 de xullo 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, destacou hoxe o “carácter cultural sobranceiro” da cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez, situada neste municipio coruñés. Fíxoo en resposta a unha pregunta na Comisión 6º do Parlamento de Galicia onde explicou que a incoación para declarar Ben de Interese Cultural este espazo non supón un problema “para a implantación dun novo proxecto nestas instalacións”.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o compromiso do Goberno galego e afirmou que a Xunta de Galicia “apoiará calquera iniciativa, sempre que xere riqueza e emprego e cumpra coa lexislación vixente desde o punto de vista técnico e medioambiental”.
Tal e como lembrou Miramontes, os trámites para declarar Ben de Interese Cultural a cheminea das Pontes iniciáronse por segunda vez o pasado mes de marzo tras o alto interese trasladado ao Goberno galego por parte da veciñanza, do Concello e da Deputación da Coruña e despois de que no primeiro intento non se contase cos informes favorables de cando menos dous órganos consultivos, esixidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
Deste xeito, desde o comezo deste procedemento á cheminea xa se lle aplica de forma inmediata e provisional o máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio industrial de Galicia. Precisamente, na incoación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o feito de que para os veciños e veciñas das Pontes esta infraestrutura “deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel local como social”.
Ao respecto, o expediente recolle que esta instalación é un “referente local simbólico” da importante actividade de xeración eléctrica no panorama do Estado e que se produciu desde este concello coruñés. Nesta liña, salienta que, como consecuencia deste “forte vencello” entre a poboación da vila das Pontes e esta infraestrutura, e perante as dúbidas sobre o seu posible futuro, máis de 2.200 veciños e veciñas desta localidade achegaron esta reclamación, a través da Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, para que obtivese a declaración como Ben de Interese Cultural.
Potencialidade industrial, de lecer e turística
A cheminea da central termoeléctrica das Pontes é unha construción de formigón armado cunha base de 36,40 metros de diámetro e cunha altura de máis de 356 metros, e cun grosor entre 110 e 30 centímetros. Nunha inspección realizada en 2024, constatouse que mantén un bo estado de conservación, polo que no expediente se recoñece que podería usarse como parte de calquera outro desenvolvemento industrial. No en tanto, tamén se apunta que “nada impide que se dedique a outros usos relacionados co lecer ou co turismo”.
Nesta liña, na incoación explícase que as posibilidades de utilización son “amplas” e advírtese de que “non ten que quedar necesariamente como un referente da paisaxe, carente de calquera funcionalidade concreta e excluída de calquera actividade que poida xerar un beneficio ou retorno económico”. Así mesmo, ponse en valor a súa “clara potencialidade como ferramenta didáctica” que fai que poida empregarse para a interpretación do contexto histórico da ‘Era do carbón’ ou para afondar no impacto social da actividade industrial na veciñanza e en como chegou a converterse en parte da súa identidade local.