Nova: Ángel Miramontes celebra a nova imaxe da capela de San Lourenzo de Serrapio, tras ser restaurada cunha achega da Xunta de 60.000€

12/07/2025

Ángel Miramontes celebra a nova imaxe da capela de San Lourenzo de Serrapio, tras ser restaurada cunha achega da Xunta de 60.000€

Ademais da renovación da cuberta, durante a intervención na igrexa de Cerdedo-Cotobade tamén se rehabilitou unha escultura de pedra localizada no muro interior

O director xeral de Patrimonio Cultural destaca o compromiso “con este e outros templos de Galicia para manter o noso patrimonio nas mellores condicións”

Cercedo-Cotobade (Pontevedra), 12 de xullo de 2025

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, asistiu hoxe á inauguración da capela de San Lourenzo de Serrapio, no concello de Cerdedo-Cotobade, despois de que fora sometida a un proxecto de conservación, acondicionamento do espazo e restauración de imaxes ao que a Xunta de Galicia destinou preto de 60.000€.

Así, o representante da Xunta celebrou a nova imaxe dunha igrexa “que forma parte do noso patrimonio e polo tanto, foi obxecto, como tantos outros templos por toda a Comunidade, dunha restauración co obxectivo de mantela nas mellores condicións para as xeracións futuras”. Neste senso, tal e como lembrou, para a conservación da capela, levouse a cabo unha intervención meses atrás para arranxar o exceso de deformación nas pezas principais da estrutura da cuberta, afectando á súa estanquidade, así como o mal estado da propia cuberta de tella.

Deste xeito, a actuación centrouse na renovación da cuberta co seu desmonte e mantemento dos pontóns de madeira polo seu bo estado, e dispoñendo dunha estrutura con pezas de castiñeiro. Ademais, optouse por colocar láminas impermeables e tella cerámica plana, en substitución do anterior tellado. A intervención completouse coa limpeza, picado e saneado das xuntas, eliminando morteiros de cemento e vexetación, e co repintado dos paramentos verticais interiores con pintura antimofos e funxicida. Por outra banda, tamén se cambiou a porta da entrada e renovouse a instalación eléctrica.

A estes traballos de conservación do templo uníuselle durante o proceso a restauración dunha pequena escultura pétrea dun santo, con valor histórico e artístico, localizada nun dos vanos do muro interior durante as obras. Trátase dunha imaxe alterada por elementos que a cubrían e que presentaba roturas arranxadas no seu momento con cemento, polo que foi sometida a unha rehabilitación tras as súa extracción e posterior recolocación, á vez que tamén se tratou o oco da parede na que foi atopada.

Comparte