Nova: A debuxante Ana Penyas ilustra a memoria do barrio compostelán de Vite nunha residencia artística impulsada pola Xunta e o Incipit

11/07/2025
A debuxante Ana Penyas ilustra a memoria do barrio compostelán de Vite nunha residencia artística impulsada pola Xunta e o Incipit
A artista valenciana, Premio Nacional de Cómic e galardoada no prestixioso festival de Angoulême, traballa nun proxecto sobre a construción do patrimonio
Trátase da terceira residencia artística conxunta co Instituto de Ciencias do Patrimonio para ampliar o alcance das investigacións académicas a través de novos formatos e disciplinas creativas
A iniciativa encádrase nas accións de apoio á creación contemporánea promovidas pola Consellería de Cultura no Gaiás, que ofrecen espazos, recursos económicos e técnicos para novos proxectos artísticos
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Instituto de Ciencias do Patrimonio promoven a residencia artística da debuxante Ana Penyas no Gaiás para ilustrar a memoria do barrio compostelán de Vite. A iniciativa entrelaza o proceso creativo da premiada autora de cómic valenciana co da investigación realizada no proxecto HabitPAT, que indaga nas formas, xestos e accións que constrúen o noso patrimonio.
A Residencia Incipit-CSIC de investigación e experimentación artística está enmarcada no programa de apoio á creación contemporánea que activa cada ano a Xunta a través da Cidade da Cultura. Trátase dun conxunto de accións desenvolvidas mediante convocatorias abertas á cidadanía ou en colaboración con colectivos de relevancia no eido cultural que ofrecen espazos, recursos económicos e técnicos a artistas para que poidan facer realidade os seus proxectos no Gaiás.
Ana Penyas presentou esta mañá un avance do seu traballo nunha xornada de portas abertas ao público na Cidade da Cultura. A súa estadía alimentouse ao longo de dúas semanas do intercambio de materiais documentais, conversas coa comunidade e, especialmente, do encontro con aquelas voces que tradicionalmente quedaron á marxe da narrativa oficial sobre Vite.
O obxectivo da artista vai máis aló de debuxar o que xa existe, fixando a súa ollada nos ocos e silencios que habitan tanto no propio barrio como no ViteArquiva, un arquivo comunitario colaborativo posto en marcha polas veciñas e veciños xunto con investigadoras do Incipit no ano 2022, no marco do estudo HabitPAT.
60 anos de historia de Vite
Nacido nos anos 60 do pasado século como polígono de vivendas sociais, Vite foi tecendo ao longo das décadas unha identidade comunitaria única, forxada na loita veciñal e materializada nun denso tecido asociativo. O ViteArquiva busca recoller e manter viva esa historia, a través de carteis, fotografías, noticias publicadas na prensa, mapas, documentos e testemuños de quen habitou e habita o barrio.
Este arquivo coverteuse para Ana Penyas en territorio de exploración durante a súa residencia, da que xurdirá no futuro unha obra gráfica que pon en relación a investigación social coa creación artística.
A intersección entre arte e memoria histórica é un terreo onde Ana Penyas forxou unha sólida traxectoria nos últimos anos. Entre os seus traballos nesta temática sobresaen o seu cómic Estamos todas bien, unha reflexión sobre as súas avoas e a xeración de mulleres do franquismo que lle valeu o Premio Nacional de Cómic 2018, converténdose na primeira muller en obter o galardón; e Todo bajo el sol, no que aborda a transformación do levante peninsular por mor do turismo e co que gañou o recoñecemento internacional e o Premio Éco-Fauve RAJA no Festival de Angoulême 2023.
O seu proxecto máis recente, En una casa. Genealogía del trabajo del hogar y los cuidados, desenvolvido xunto á antropóloga Alba Herrero Garcés e exposto no Instituto Valenciano e Arte Moderno, demostra o seu interese continuado por facer visibles realidades habitualmente invisibilizadas.