Nova: A Xunta completa os traballos na Igrexa de San Martiño de Lousada coa reordenación do cemiterio

05/07/2025

A Xunta completa os traballos na Igrexa de San Martiño de Lousada coa reordenación do cemiterio

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, comprobou o resultado das obras nas que a Xunta investiu máis de 200.000 €

O obxectivo foi trasladar e liberar sepulturas elevadas sobre o terreo do adro, que sufriu varias alteracións ao longo da historia

En total, a Xunta leva investidos máis de 400.000€ neste ben de Samos desde o ano 2020

Samos (Lugo), 5 de xullo de 2025

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitou hoxe o remate das obras de reordenación do Cemiterio de San Martiño de Lousada, que completan os traballos levados a cabo pola Xunta de Galicia na igrexa no ano 2020.  

Así, o obxectivo dos actuais traballos, dotados con 200.000€ foi trasladar e liberar sepulturas elevadas sobre o terreo do adro, que sufriu varias alteracións ao longo da historia. A actuación incluíu tamén labores de limpeza e nivelación para deixar as tumbas que non se trasladan na cota rasante do terreo. Ademais, construíronse tres volumes de nichos e un muro no perímetro norte. O proxecto completouse con tarefas de pavimentación para facilitar á circulación.  

En total, a Xunta leva invertidos máis de 400.000 euros neste ben situado en Samos e pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, na primeira fase, completada no ano 2020, recuperouse a igrexa cunha nova cuberta, a consolidación dos muros de carga, a drenaxe do perímetro e o cambio das carpinterías.

Miramontes calificou estas obras como “fundamentais para garantir a conservación do noso patrimonio e asegurar que as futuras xeracións poidan seguir coñecendo e valorando este legado” e defendeu que mostran “o compromiso da Xunta coa preservación do noso legado cultural, tamén no rural e en pequenos lugares que gardan séculos de historia e identidade. Seguiremos traballando para que o patrimonio galego siga vivo, protexido e ao servizo da cidadanía”.

Comparte